A ALCALDESA NACIONALISTA LEVANTOU 184 REPAROS DE ILEGALIDADE PARA PAGAR 11,6 MILLÓNS EN 2025
Máis do 60% de todo o orzamento municipal gastouse con avisos oficiais dos técnicos municipais por saltarse os procedementos legais Presumen dun superávit ficticio mentres sostén os servizos básicos mediante contratos caducados e pagos a dedo.


O Partido Popular de Cangas fixo públicos os datos oficiais dos informes de control da Conta Xeral de 2025, os cales reflicten unha xestión municipal completamente desbordada e sostida na irregularidade. Segundo os documentos remitidos aos órganos fiscalizadores, a Alcaldía recorreu de forma sistemática ao decreto para anular as advertencias dos propios técnicos municipais e pagar un total de 11.627.728,02 euros a través de 184 levantamentos de reparo.
Esta cifra significa que seis de cada dez euros que gastou o Concello o ano pasado tramitáronse con informes desfavorables de legalidade. Desde o PP de Cangas sinalan que o goberno local tenta vender como un éxito un superávit que é totalmente falso, xa que non é froito do aforro nin da boa administración, senón de recorrer ao rodillo para pagar servizos á marxe das normas mentres o municipio sofre un abandono xeralizado.
A documentación do órgano fiscalizador demostra que as irregularidades non foron casos illados, senón a forma habitual de funcionar en practicamente todas as áreas municipais. O departamento de Persoal concentra o maior volume económico, con máis de 7,3 millóns de euros pagados baixo reparo debido á falla dunha Relación de Postos de Traballo (RPT), ao abuso de contratos temporais para cubrir postos fixos e ao reparto opaco de complementos salariais sen criterios obxectivos.
Ao mesmo tempo, as compras e servizos diarios sumaron case 3,9 millóns de euros con informes contrarios por operar con contratos totalmente caducados, obras sen proxectos técnicos e prórrogas que a lei prohibe. Este desorde repítese nas axudas municipais, onde se repartiron máis de 432.000 euros a dedo e sen un plan estratéxico previo, pasando por alto xustificacións que a propia Intervención cualifica de deficientes sen que o goberno reclamase a devolución do diñeiro dos veciños.
Sobrecusto na luz
Entre os prexuízos económicos directos causados pola falla de contratos en vigor destaca o suministro eléctrico municipal. Tal e como certifican os informes técnicos e de fiscalización, o Concello estivo a consumir enerxía en precario e sen licitación ordinaria, o que lle supuxo asumir unha penalización económica directa de en torno ao 20% nas facturas da luz. Sobre un gasto total de 548.833,93 euros en electricidade durante o ano 2025, o sobrecusto extra tirado polo goberno local supera os 91.400 euros.
Desde o Partido Popular poñen en evidencia o impacto deste sobreprezo comparándoo co gasto real noutras áreas esenciais do municipio: «Estes máis de 91.400 euros tirados en penalizacións eléctricas pola desidia do goberno superan todo o orzamento anual destinado ao coidado de parques e xardíns de Cangas (81.331 euros) e duplican o total dos fondos investidos en axudas de emerxencia social para familias vulnerables en todo o 2025 (46.569 euros)».
Contratos a dedo
A estes reparos súmanse 34 expedientes de omisión de control por valor de 1.791.975,55 euros en servizos esenciais que se prestaron sen contrato nin concurso público previo. Trátase de prestacións tan sensibles como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o guindastre municipal, o tratamento de residuos ou o mantemento de ascensores, que funcionaron mediante acordos verbais a pesar de estar expresamente vetados pola lexislación.
Os técnicos municipais chegaron a propoñer a revisión de oficio por posible nulidade radical en 15 destes expedientes, pero a Alcaldía optou por asinar decretazos en apenas 24 ou 48 horas para pagar as facturas e tapar a súa incapacidade de licitar os servizos en tempo e forma.
«A Conta Xeral de 2025 saca á luz a verdadeira cara dun goberno instalado no desorde e na improvisación, que prefire esquivar a lei antes que traballar nunha xestión eficaz e transparente para os veciños de Cangas», conclúen.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
