O GOBERNO XESTIONA A CEGAS 66 M€ DE PATRIMONIO TRAS DESOÍR Á INTERVENCIÓN E INCUMPRIR O ACORDO DO PLENO

A Conta Xeral de 2025 confirma a falta de fiabilidade dos datos sobre bens municipais ante a negativa do goberno local a escoitar as advertencias técnicas para actualizar un rexistro obsoleto dende 2005. Mentres tanto, o tripartito mantén no caixón o mandato plenario para desbloquear as alegacións veciñais e o novo documento, tras votar en contra da moción aprobada en abril.

O Partido Popular de Cangas deu a coñecer o severo reproche que a Intervención Municipal recolle na memoria oficial da Conta Xeral de 2025 respecto á situación patrimonial do Concello. O órgano fiscalizador advirte de que a administración local carece dun inventario de bens detallado e conciliado coa contabilidade, alertando textualmente de que «os datos sobre inmobilizado que ofrecen os estados contables non resultan fiables» para un patrimonio que supera os 66 millóns de euros.

Desde a formación que lidera Dolores Hermelo destacan a gravidade engadida que recolle o propio informe técnico, onde se constata que o goberno local «sempre desestimou as advertencias sobre a necesidade de elaboración e levanza adecuada dun inventario». O grupo maioritario da Corporación censura que o BNG, PSOE e EU leven anos ignorando esta esixencia legal mentres o último rexistro en vigor data de 2005 e acumula máis de dúas décadas de desfase, impedindo un control real das altas, baixas e cesións de inmobles, vías públicas e terreos municipais.


Esta actitude de bloqueo quedou acreditada no Pleno municipal do pasado 6 de abril de 2026. Naquela sesión, os populares sacaron adiante unha moción para desbloquear e actualizar de urxencia o Inventario Municipal de Bens grazas ao respaldo da maioría da corporación (11 votos a favor fronte a 10 en contra).

O BNG e os seus socios votaron en contra da iniciativa popular, negándose a asumir un problema que prexudica directamente aos veciños nas súas solicitudes de licenza e nos lindes de camiños públicos. «Resulta inaudito que quen goberna vote en contra de poñer orde no patrimonio de todos e prefira manter o Concello na máis absoluta opacidade administrativa», subliñan os populares.


Mandato plenario incumprido
Os acordos aprobados polo Pleno da Corporación instaban ao goberno de Cangas a convocar nun prazo de 15 días unha Xunta de Portavoces coa empresa adxudicataria para coordinar os traballos e fixar un cronograma, así como a remitir aos servizos técnicos todas as alegacións acumuladas para a súa incorporación. Meses despois, o executivo mantén estes acordos totalmente paralizados e sen executar.

O PP lembra que no departamento de Urbanismo acumúlanse moreas de alegacións veciñais con máis de 15 anos de antigüidade pendentes de resolución, xunto a todas as cesións urbanísticas tramitadas desde 2005. Ao non estar os viais e parcelas correctamente inventariados, xéranse graves trabas xurídicas que impiden cualificar terreos como edificables ou defender as propiedades públicas.


«A Intervención confirmou o que o PP leva anos denunciando: o tripartito nin fai o seu traballo, nin escoita aos técnicos, nin cumpre os acordos aprobados democraticamente polo Pleno», conclúen á vez que exixen a aplicación inmediata dos acordos plenarios.