A DÉBEDA HISTÓRICA 17 M€ NACEU CUN GOBERNO DO BNG E OS REMANENTES SON DAS CINCO PARROQUIAS

Fronte á quebra e os máis de 17 millóns de euros de débeda herdados do goberno bipartito en 2011, apoiaremos o uso dos remanentes. Non obstante, é necesaria unha reunión previa para garantir un investimento por parroquia como o punto de partida máis equitativo.

white concrete building
white concrete building

O Partido Popular de Cangas esixe “rigor” ao goberno local (BNG, PSOE e EU) e que "deixe de enganar á veciñanza" co relato financeiro do municipio. Ante o anuncio de que o Concello liquidará a súa débeda bancaria e convocará un pleno extraordinario en agosto para mobilizar 3 millóns de euros de remanentes, o PP desmonta a estratexia do tripartito de culpar á oposición da parálise local.

"O BNG tenta facer ver que as débedas veñen do PP, despois de 12 anos, cando a realidade contable é xusto a contraria: o que hoxe din liquidar non é máis que a última cola do buraco monumental que eles mesmos cavaron e que case nos custa a intervención municipal", sinalan os populares.


Fronte ao relato puramente propagandístico do Bloque, a formación que lidera Dolores Hermelo pon sobre a mesa a realidade incuestionable dos documentos oficiais da Intervención Municipal. A propia Conta Xeral de 2010, na súa páxina 331, xa reflectía un remanente negativo de tesouraría de máis de 15 millóns de euros provocado en exclusiva pola nefasta xestión do daquela mandato de esquerdas (2007-2011) no que só foi aprobado un orzamento municipal en catro anos. “Unha nula planificación financeira que segue sendo a tónica na actualidade” engaden.

Esta asfixia financeira agravouse aínda máis aló ao ano seguinte, tal e como ratifican a Conta Xeral de 2011 e o Informe de Intervención emitido o 28 de agosto de 2012 pola interventora. Nese documento oficial certificábase que o remanente negativo para gastos xerais se disparara ata os -17.354.789,50 euros, arrastrando unha débeda total vencida e esixible cos provedores que superaba amplamente os 17 millóns de euros.


"Cando o PP asumiu o goberno en 2011, atopouse cun Concello en quebra técnica absoluta, sen cartos nin para pagar as nóminas", lembran desde o grupo maioritario da Corporación. A situación era tan crítica que o executivo do PP tivo que pactar de urxencia un plan de pagos directamente coas tres salas do Contencioso-Administrativo de Pontevedra para evitar que o Estado intervise o municipio.

Grazas a esa xestión rigorosa, logrouse refinanciar eses 17 millóns de pufo herdado a uns prazos asequibles e mantívose a xestión diaria sen destruír a autonomía do Concello” explican. "Hoxe o tripartito presume de liquidar un millón de euros, pero esquecen dicir que puideron xestionar estes anos porque o PP evitou que o BNG e o PSOE afundisen Cangas por completo" continúan.


Non a un cheque en branco
Respecto ao anuncio dun vindeiro pleno extraordinario para mobilizar os 3 millóns de euros de remanentes, os populares queren deixar clara a súa postura: "Nós imos apoiar calquera proposta que defenda á veciñanza, pero non seremos cómplices do habitual uso electoralista que o BNG fai do diñeiro público".

Dado que o tripartito está en minoría e necesita obrigatoriamente o apoio dalgunha das formacións da oposición para poder liberar e gastar eses fondos, os populares avanzan que solicitarán formalmente unha reunión previa á votación do pleno.


"O lóxico e o democrático é que, se precisan o noso voto, poidamos ser partícipes e colaboradores directos na proposta de obras a realizar con ese remanente. Desde o PP defenderemos que o punto de partida máis equitativo sexa garantir un investimento por parroquia e garantir que os investimentos non queden só no centro e se repartan con xustiza entre a veciñanza das cinco parroquias de Cangas, que son os que pagan relixiosamente os seus impostos mentres sofren o abandono deste goberno", conclúen.