A DESIDIA DO TRIPARTITO: MÁIS DUN ANO COA MOCIÓN DE APARCAMENTOS METIDA NUN CAIXÓN MENTRES A VILA COLAPSA
Malia votar a favor da iniciativa en xuño de 2025, o BNG, PSOE e EU continúan sen elaborar o estudo técnico nin ofrecer alternativas aos veciños e comerciantes.


O Partido Popular de Cangas denunciou a «falla absoluta de xestión e a propaganda baleira» do goberno de Araceli Gestido ante o gravísimo problema de aparcamento que asfixia o casco urbano. Os populares lembran a hipocrisía dun executivo que no Pleno de xuño de 2025 votou a favor da moción presentada polo PP para solucionar esta fenda histórica —acadando o respaldo de practicamente toda a Corporación—, pero que, máis dun ano despois, demostra que levantar a man no salón de plenos era só unha pose para saír do paso e non facer absolutamente nada.
A iniciativa aprobada obrigaba o goberno local a elaborar un estudo técnico rigoroso que recollese as causas, consecuencias e solucións concretas ao déficit de estacionamento, así como a convocar de urxencia a Xunta de Portavoces para executar as propostas. A realidade actual é que o tripartito nin fixo o estudo nin moveu un só papel, mentres continúa a suprimir prazas no centro sen ofrecer alternativas de ningún tipo aos veciños, comerciantes, praceiros e hostaleiros que ven perigar a súa actividade diaria.
Dende o grupo maioritario da Corporación sinalan que o déficit de aparcamento é un asunto complexo que non se resolve con ocorrencias, senón con traballo e capacidade política. Mentres a capacidade de estacionamento diminúe, o goberno local é incapaz de articular solucións modernas e eficaces: nin reforzou o transporte público para reducir vehículos, nin impulsou medidas de rotación como a zona azul gratuíta ou aparcamentos disuasorios estratéxicos. «Para frustración da veciñanza, non é unha cuestión de falta de cartos, senón dun goberno acomodado, preguiceiro e incapaz de xestionar que prefire ignorar os problemas reais da veciñanza antes que poñerse a traballar», advirten.
Colapso total en festas
Esta pasividade municipal convértese nun pesadelo durante o verán e acada o seu punto culminante durante as Festas do Cristo, cando as principais zonas de estacionamento son ocupadas polas atraccións e feirantes sen que o goberno prevexa alternativas nin plans de continxencia. O resultado é o colapso circulatorio total cun gran impacto no día a día da veciñanza e comerciantes.
O Partido Popular esixe ao BNG e aos seus socios que dean a cara, rendan contas da súa pasividade, expliquen por que ignoraron o mandato democrático do Pleno e executen de inmediato o estudo técnico acordado para poñer fin a este caos de mobilidade.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
