A HIPOCRISÍA DO TRIPARTITO EN VIVENDA: OFRECEN UN XERIÁTRICO A UNHA VECIÑA AMEAZADA DE DESAFIUZAMENTO CUNHA VIVENDA DE EMERXENCIA SOCIAL BALEIRA
O goberno local só reaccionou tras o escándalo mediático sobre un piso de emerxencia desocupado dende agosto, replicando en Cangas o mesmo que a esquerda criticou no «caso Maricarmen» de Madrid. Ante esta situación, urxe fiscalizar o estado real das vivendas municipais e acabar cos atrancos do tripartito, cuxa parálise en Nazaret e o abandono da Sareb contrastan co impulso da Xunta ás 300 vivendas protexidas no Saíñas.


O Partido Popular de Cangas denuncia o cinismo político e a improvisación coa que o goberno local de BNG, PSOE e EU vén xestionando a emerxencia habitacional no municipio. Tras transcender a dramática situación dunha veciña en risco inminente de desafiuzamento, a primeira resposta que os servizos municipais puxeron sobre a mesa foi derivala a unha residencia de maiores, tal e como relatou a propia afectada.
Non foi ata que o caso saltou aos medios de comunicación —nun contexto de máxima repercusión estatal polo paralelismo co chamado “caso Maricarmen” en Madrid— cando o executivo de Araceli Gestido anunciou con présas que mobilizaría recursos e buscaría alternativas habitacionais. Dende o PP lembran que a administración local sempre interveu e con alternativas reais ante este tipo de situacións dramáticas que afectaban a veciños vulnerables, moi especialmente nos peores momentos da crise inmobiliaria, polo que resulta incomprensible e indignante que o goberno tripartito permanecese de brazos cruzados sen mover un só dedo ata que o caso se fixo público na prensa.
“Resulta dunha fonda ironía política comprobar como os mesmos partidos de esquerdas que se botaban as mans á cabeza e criticaban con dureza o acontecido en Madrid aplican en Cangas a mesma receita sen pudor” reflexionan. “Isto volve a evidenciar a nula sensibilidade social dun executivo de BNG, PSOE e EU que actúa únicamente de cara á galería e cando teme o desgaste dos titulares” engaden.
Fronte ás escusas públicas da alcaldesa xustificando que non se lle puido ofrecer a Casa dos Pobres da rúa Ensinanza porque dúas vivendas están ocupadas e a terceira presenta avarías, o PP vén de rexistrar unha solicitude formal de información para acceder a todos os expedientes. Dende a formación sinalan que existen informacións que apuntan a que dita vivenda de emerxencia social levaría desocupada dende finais do mes de agosto, momento no que se terían detectado os supostos desperfectos sen que o goberno local fixese nada por reparalos.
Por este motivo, os populares esixen por escrito certificar o estado de ocupación exacto do inmoble, os contratos en vigor e os informes técnicos que xustifiquen por que ese recurso non estivo operativo de inmediato. Ademais, os populares lembran que a propia ordenanza municipal contempla no seu artigo 5 a facultade expresa da Alcaldía para decretar o ingreso provisional e de urxencia inmediata en vivendas de emerxencia sen agardar trámites burocráticos, un mecanismo que o goberno non activou ata verse acorralado pola presión pública.
Pretender escusar agora a inacción local botándolle as culpas á tramitación de axudas ao alugueiro doutras administracións é unha manobra burda para tapar que o Concello tiña a solución física inmediata na rúa Ensinanza e a mantivo pechada por neglixencia. A esta falta de previsión súmase a situación dos catro pisos de mestres de Nazaret para alugueiro social, cedidos pola Xunta e que aportou 200.000 euros de subvención, cuxas obras de reforma estiveron paralizadas e empantanadas pola manifesta incapacidade do tripartito para rematalas. “A ver se non tardan máis dunha ano en amueblalas como aconteceu coas de emerxencia social” critican.
Compromiso real fronte a bloqueos
O grupo maioritario da Corporación contrapón esta parálise local co impulso decidido da Xunta, que vén de avanzar no desenvolvemento de arredor de 300 vivendas públicas protexidas a través do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do Saíñas. Cómpre lembrar ademais que Alternativa dos Veciños (AV) foi a única forza política que votou en contra e se opuxo frontalmente a este proxecto de vivenda pública estratéxico para Cangas.
Mentres a administración autonómica achega solucións estruturais e financia proxectos, o Goberno central mantén á Sareb sen ceder nin reparar os seus inmobles ruinosos na vila, ao tempo que a entidade estatal Casa 47 non dispón de nin un só piso en Cangas. “Todo co silencio disciplinado do BNG, PSOE e EU”. Unha inacción que se completa coa dobre moral do propio tripartito local, que mentres criminaliza nos seus discursos as vivendas de uso turístico pretendendo culpalas de todos os males, non deixa de tramitar e conceder licenzas dende o Concello, evidenciando unha absoluta incoherencia entre o que predican e o que asinan.
Once anos secuestrando o PXOM
Os populares lembran que a verdadeira raíz da crise habitacional que sofre Cangas é a xestión dunha esquerda que leva máis de 11 anos gobernando o municipio mantendo completamente secuestrado e gardado nun caixón o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), a ferramenta urbanística indispensable para poder construír vivenda nova e xerar solo residencial accesible para os veciños. “Incumprindo sistemáticamente os acordos plenarios que eles mesmos apoian pero que non executan” recordan.
Pese a este balance de desidia continuada, dende o PP advirten do descaro que amosarán os dirixentes do tripartito acudindo este sábado á manifestación convocada sobre a vivenda. “Un goberno que leva máis dunha década co PXOM bloqueado, coas vivendas de Nazaret empantanadas e cun piso de emerxencia pechado por avarías dende o verán” sinalan. “Agora sairán coa pancarta a esixir solucións habitacionais que negan nos despachos. O que teñen que facer é traballar, licitar as obras, presentar o PXOM e resolver con solucións reais os problemas da veciñanza” rematan.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
