A "IMPROVISACIÓN FINANCEIRA" NA MANCOMUNIDADE: PAGARÁN FACTURAS PENDENTES CON AFORROS POLA INCAPACIDADE DE XESTIÓN
A Mancomunidade vese obrigada a aprobar un crédito extraordinario de máis de 318.000 euros para pagar facturas de 2025 ocultas no caixón. O BNG e os seus socios bloquearon 3,4 millóns por un "oco contable" provocado ao orzamentar os ingresos dunha taxa de lixo que non entrou en vigor a tempo.
O Partido Popular de Cangas denuncia que a documentación da Comisión de Contas da Mancomunidade pon en evidencia o fracaso na xestión orzamentaria do ente supramunicipal. A proposta que se levará ao vindeiro martes é, na práctica, un "parche" contable: a entidade ten que tirar dos seus aforros (o remanente de tesouraría) para pagar facturas correntes de 2025 que quedaron sen abonar.
Esta situación é consecuencia directa dun erro de cálculo monumental do tripartito. O orzamento de 2026 baseouse nunha previsión de ingresos de 5,7 millóns de euros procedentes dunha nova taxa de residuos que non entrou en vigor a tempo pola oposición social á mesma.
Ao non ingresas este diñeiro nas arcas, a Mancomunidade atopouse cun "oco contable" de 3,4 millóns de euros; unha cantidade de diñeiro que, ao non existir, obrigou ao goberno a declarar "créditos non dispoñibles". En termos sinxelos, isto significa que o goberno tivo que conxelar e prohibirse a si mesmo gastar eses 3,4 millóns en servizos ou investimentos previstos porque o diñeiro que agardaban recadar é inexistente.
"Estamos ante un goberno que vive ao día, gastando os aforros do pasado para cubrir a súa incapacidade de xestión do presente", sinalan. O PP esixe que o tripartito deixe de improvisar e explique como pretenden equilibrar unhas contas que hoxe son un auténtico castelo de naipes.
Esta asfixia financeira explica a última manobra do BNG e os seus socios: solicitar ao ORAL unha revisión do censo para buscar inmobles sen declarar. Un movemento que non busca a xustiza fiscal, senón espremer máis o peto da veciñanza para tapar o seu propio buraco. "Buscan novos pagadores pero non para rebaixarlle a cota á veciñanza nin para mellorar o servizo", denuncian os populares. Para o PP, o tripartito "vive ao día, queimando os aforros do pasado para tapar a súa incompetencia actual".
Rectificación obrigada na Ordenanza
Ademais da cuestión económica, na mesma Comisión abordarase a nova aprobación inicial da Ordenanza reguladora do servizo de residuos, un trámite que o goberno se ve obrigado a repetir tras as alegacións presentadas polo Partido Popular.
"O BNG, PSOE e EU tiveron que dar o seu brazo a torcer grazas á nosa fiscalización", subliñan. O PP defenderá na Asemblea que o texto final incorpore modificacións reais en liña coas demandas dos colectivos veciñais. "Non permitiremos que esta ordenanza sexa un mero instrumento de recadación punitivista. Imos esixir que se corrixa o seu afán sancionador e se adapte ás necesidades reais da veciñanza, que non poden ser os que paguen a factura da ineficiencia deste tripartito", conclúen.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
