A NEGLIXENCIA DO TRIPARTITO POLO CAOS DO BALIZAMENTO E AS CONTINUAS VERTEDURAS NAS PRAIAS

Exiximos paralizar o pago das facturas ante as deficiencias da sinalización marítima e pide os informes das verteduras remitidos a Augas de Galicia e Seprona.

O Partido Popular de Cangas vén de rexistrar unha batería de preguntas e solicitudes de información para esixir responsabilidades políticas e técnicas ao goberno local ante o lamentable estado dos areais do municipio. A formación cualifica a xestión deste verán como un auténtico «desastre», sinalando que a desidia e a incompetencia do BNG e os seus socios están a ser moito máis prexudiciais e lesivas para o medio ambiente que calquera outra causa.

En primeiro lugar, o grupo maioritario da Corporación pon o foco nos continuos episodios de verteduras e fallos nos sistemas de bombeo rexistrados nas praias do termo municipal. Por este motivo, solicitan formalmente copia de todos os informes e partes de incidencias emitidos pola concesionaria UTE Gestión Cangas, así como a acreditación documental de se cada un destes episodios foi formalmente notificado a Augas de Galicia e ao Seprona da Garda Civil para a apertura das correspondentes investigacións ambientais.


A situación da sinalización e balizamento das praias é cualificada polo grupo municipal de «temeridade» debido a un conxunto de deficiencias graves e reiteradas. Entre elas destacan as balizas mal fondeadas, tortas e sen estabilidade por mor da falla de peso axeitado, chegándose a empregar como fixacións ao fondo mariño bases plásticas e de formigón de valas de obra que apenas alcanzan os 30 quilos, un lastre manifestamente insuficiente para soportar as correntes habituais da nosa ría.

Esta chapuza provocou que varias boias se soltasen e acabasen á deriva pola ría de Pontevedra, co consecuente extravío de material de titularidade municipal e o perigo que isto supón para a seguridade marítima. A maiores, os populares advirten da falla de corcheiras regulamentarias para delimitar as canles de entrada e saída de embarcacións, así como da colocación dalgunhas destas vías de acceso directamente sobre zonas rochosas, xerando un risco evidente de accidentes para navegantes e bañistas.

Bloqueo do pagamento

Ante esta cadea de irregularidades, o Partido Popular reclama a elaboración dun informe técnico municipal sobre a execución dos traballos e solicita formalmente que non se proceda ao pagamento da factura da empresa adxudicataria ata que se auditen e apliquen a redución dos importes relativos a os incumprimentos que sexan detectados.


Así mesmo, a formación trasladou no último Pleno unha batería de preguntas nas que exixiu ter acceso íntegro ao expediente de contratación do servizo de balizamento, ademais de reclamar a acreditación oficial de se a empresa adxudicataria conta coa capacitación e solvencia técnica autorizada para realizar estes traballos no mar. Da mesma maneira, os populares solicitaron copia do informe vinculante preceptivo de Capitanía Marítima, o permiso oficial de fondeo co cadro de coordenadas de cada baliza e a identificación do responsable técnico ou coordinador municipal que autorizou e recepcionou estes traballos no Concello.