A PROPOSTA DE RPT DO TRIPARTITO DISPARA O GASTO EN MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS SEN CREAR NIN UN SÓ BARRENDEIRO, POLICÍA NIN OFICIAL DE OBRAS NOVOS

O documento elaborado por Galivalia chega con oito anos de atraso e xera un sobrecoste estrutural de máis dun millón de euros ao ano para crear apenas 11 prazas, ningunha delas para servizos operativos a pé de rúa. Ante un modelo que deixa sen operarios a limpeza viaria, sen reforzos á brigada de obras e que abandona o servizo de guindastre, os populares esixen mediante rexistro formal os informes preceptivos de Secretaría e Intervención.

O Partido Popular de Cangas cualifica de "temeridade, improvisación e fraude aos veciños" a proposta de Relación de Postos de Traballo (RPT) que o goberno local pretende trasladar aos empregados municipais este mes de outubro. Os populares denuncian que o documento, encargado á consultora Galivalia a finais de 2017 por 26.000 euros cun prazo de execución de tan só 12 meses, ve a luz con case unha década de atraso: "Un traballo que tiña que estar rematado en 2018 chega nas vésperas de 2027 cun sobrecusto desorbitado e sen solucionar un só problema real da rúa".

O estudo económico da proposta desvela que a RPT disparará a masa salarial bruta do Concello en case 800.000 euros directos ao ano que, sumados ás cotizacións patronais á Seguridade Social, superarán con fartura o millón de euros anuais de gasto estrutural fixo. "O goberno de Cangas pretende hipotecar máis dun millón de euros ao ano para sempre sen explicar se isto suporá máis impostos para a veciñanza no IBI ou no lixo, ou máis recortes de servizos nas parroquias", advirten dende o PP.


Dende o grupo maioritario da Corporación subliñan que o máis grave da proposta é a súa desconexión coas necesidades do día a día dos cangueses. Fronte a un sobrecusto millonario, o Concello crea unicamente 11 prazas novas en toda a estrutura municipal, deixando completamente a cero o cadro de persoal dos servizos básicos esenciais. A brigada de limpeza viaria queda exactamente cos mesmos 12 operarios actuais, mentres que a brigada de obras non recibe nin un só oficial a maiores para bachear pistas, reparar beirarrúas, acondicionar camiños ou desbrozar nas parroquias.

Tampouco hai reforzo na Policía Local, que mantén o seu cadro estancado sen incorporar un só axente novo para atender as quendas de noite, o tráfico ou a seguridade cidadá, ao tempo que o servizo de guindastre municipal queda no esquecemento, sen persoal propio para a retirada de vehículos nin para a xestión do depósito. Esta mesma carencia ao servizo de emerxencias, onde, malia incorporar dúas prazas de condutor, a estrutura non da resposta a un servizo de intervención acorde ás dimensións de Cangas.


"¿Que gañan os veciños con pagar un millón de euros máis todos os anos?", pregúntanse os populares. "Señores do BNG, PSOE e EU: ¿imos ter máis operarios limpando as rúas? Non. ¿Imos ter máis oficiais arranxando fochancas nas parroquias? Non. ¿Imos ter máis policías? Non. ¿Temos un técnico A1 especializado e centrado en captar subvencións europeas para traer fondos ao municipio? Tampouco. Este documento non ofrece absolutamente nada aos veciños".

Fiscalización e petición formal de informes

Esta mesma falla de reforzo operativo trasládase tamén ao control económico. Mentres o propio Interventor municipal leva anos advertindo nos seus informes de que non ten persoal suficiente para fiscalizar as contas e os contratos en tempo e forma, o departamento queda exactamente cos mesmos efectivos auxiliares e sen un só técnico de apoio para vixiar a legalidade do gasto.

Ante esta situación, e fronte á pretensión do tripartito de someter o borrador aos traballadores sen garantías técnicas, os dez concelleiros do PP —que representan máis dun terzo da Corporación— rexistraron un escrito conxunto ao abeiro do artigo 54.1 do Texto Refundido de Réxime Local esixindo que a Secretaría Xeral e a Intervención emitan con carácter preceptivo os seus respectivos informes xurídicos e económicos antes de calquera debate plenario.

"Nin a plantilla pode votar a cegas nin os veciños poden tolerar que se hipotequen as contas de Cangas por decreto. Esiximos informes claros, rigor orzamentario e unha RPT que atenda de verdade as necesidades reais das parroquias e dos servizos básicos que pisan a rúa", conclúen.