A VALEDORA DO POBO ADVERTE DE CONSECUENCIAS LEGAIS AO GOBERNO DE CANGAS TRAS RECLAMAR POR TERCEIRA VEZ A INFORMACIÓN PENDENTE
O goberno de BNG, PSOE e EU leva máis de catro meses sen responder ao informe solicitado pola institución, esgotando o prazo inicial de 15 días e obrigando a reclamar a documentación con carácter de urxencia. Unha opacidade que desmonta as proclamas de transparencia do tripartito, agravada por máis dunha ducia de solicitudes sen contestar e a falta de publicación das actas das Xuntas de Goberno dende o 3 de agosto.


A Valedora do Pobo vén de requirir por terceira vez ao Concello de Cangas que lle remita a información solicitada en relación coa queixa presentada polo Partido Popular pola falta de acceso á documentación municipal. Na comunicación do pasado 13 de outubro, a institución deixa constancia de que o goberno local segue sen enviar o informe requirido, malia que xa demandara a súa remisión en dúas ocasións, e reclama agora que o faga con urxencia.
O expediente iniciouse o 8 de xuño, cando a Valedora admitiu a trámite a queixa do grupo maioritario da Corporación e deu ao tripartito un prazo de 15 días para remitir a información, ao abeiro do artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo. Máis de catro meses despois, o informe segue sen chegar. O prazo inicial, polo tanto, leva superado amplamente desde finais de xuño.
A advertencia da Valedora é inequívoca, se non recibe a información, formulará ao Concello un recordatorio dos seus deberes legais e unha advertencia que incorporará ao informe que presenta ante o Parlamento de Galicia, coa identificación da autoridade responsable. Un paso que evidencia a preocupación da institución pola falta de colaboración municipal e que pode ter consecuencias institucionais e xurídicas para os responsables, sen prexuízo das que eventualmente poidan derivarse doutros procedementos.
“A alcaldesa non pode pensar que o silencio é unha estratexia sen custo. Cando unha institución parlamentaria ten que insistir unha e outra vez para obter unha resposta, o problema xa non é só a falta de transparencia: é a negativa a colaborar e render contas. Cangas non pode acabar asumindo consecuencias por unha decisión política de non dar explicacións”, advirten os populares.
Desde o PP lembran as responsables municipais chegaron a afirmar no Pleno: “solicite o acceso ao expediente e será dado”. “Pois solicitámolo formalmente, por rexistro, e seguimos esperando. E non somos nós os únicos que agardamos: tamén o fai a propia Valedora do Pobo, que leva máis de catro meses esperando unha resposta do goberno local. Se o acceso é tan sinxelo como di a concelleira, por que non se remite dunha vez a información?”, preguntan.
«Mentres a Valedora ten que requirir por terceira vez que se lle entregue a documentación, a alcaldesa e a concelleira de Facenda afirman Pleno tras Pleno que a oposición ten acceso aos expedientes. Debe de ser unha transparencia moi particular: funciona estupendamente nos discursos, pero non tanto cando hai que entregar os papeis», ironizan desde formación que lidera Dolores Hermelo.
Apagón informativo
Os populares levan rexistradas nos últimos meses máis dunha ducia de solicitudes de documentación que continúan sen resposta. Un bloqueo que dificulta o exercicio das funcións de control e fiscalización da oposición e que, segundo denuncia a formación, impide comprobar con normalidade a xestión do goberno local e o contido de expedientes de interese municipal.
A situación agrávase coa falta de actualización do Portal de Transparencia: as actas das Xuntas de Goberno Local non se publican desde o 3 de agosto. Ao mesmo tempo, o PP denuncia que determinados acordos deste órgano transcenden mediante filtracións interesadas, facendo que “uns poucos afortunados” coñezan información pública á que o conxunto da veciñanza debería poder acceder en condicións de igualdade.
“A información pública non pode repartirse por afinidade, conveniencia ou interese político. Non é de recibo que non se publiquen as actas para todos, pero que algúns si coñezan determinados acordos. A transparencia non consiste en escoller quen sabe e quen non: consiste en garantir o acceso á información conforme á lei”, subliñan. “Estamos ante un apagón informativo. Que ocultan? Que queren que non saiba a veciñanza de Cangas? Se non teñen nada que agochar, que entreguen os expedientes e publiquen as actas”, reclaman.
O PP esixe ao goberno de Araceli Gestido que remita de inmediato o informe requirido pola Valedora, facilite a documentación pendente e actualice o Portal de Transparencia, publicando as actas das Xuntas de Goberno que faltan. Tamén reclama que se dea resposta ás solicitudes rexistradas polo grupo municipal dentro dos prazos legalmente establecidos.
“A transparencia non se proclama, practícase. E o control democrático non pode depender da vontade da alcaldesa. Despois de máis de catro meses, tres requirimentos e máis dunha ducia de solicitudes sen contestar, o tripartito debe deixar as escusas e cumprir coas súas obrigas. Cangas merece un goberno que dea explicacións e sexa transparente e non un que só está cómodo no oscurantismo e a opacidade», conclúen.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
