A VALEDORA DO POBO REQUIRE AO TRIPARTITO QUE REMITA A INFORMACIÓN REQUERIDA EN XUÑO

A institución emite un segundo requirimento formal a Araceli Gestido e lémbralle que colaborar e render contas é unha obriga legal que están a incumprir. Loli Hermelo: “Que ocultan, por que se saltan a lei deliberadamente e a que lle teñen tanto medo para non amosar os papeis?”

“A Valedora do Pobo vén de emitir un novo requirimento oficial contra o goberno local de Cangas ante a súa reiterada negativa a responder e colaborar coa institución parlamentaria. Nunha notificación, a alta comisionada autonómica confirma que, transcorridos con fartura os prazos legais dende a admisión a trámite da queixa en xuño, o Concello de Cangas aínda non remitiu o informe demandado.

Diante desta actitude obstrucionista, a Valedora procedeu a requirir novamente ao executivo de Araceli Gestido, advertíndolle de xeito expreso e tallante que o envío desa información non é unha opción política, senón unha «obrigación legal» establecida no artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo.


Dende o grupo maioritario da Corporación cualifican a postura do tripartito de BNG, PSOE e EU como unha mostra «intolerable de soberbia e antidemocrática». «O goberno de Cangas prefire declararse en rebeldía diante da Valedora do Pobo e pisotear a legalidade antes de amosar os papeis e render contas da súa xestión. Pero a veciñanza ten dereito a saber a verdade: Que están a ocultar? Por que se saltan a lei con total impunidade? A que lle ten tanto medo a alcaldesa como para non atreverse a entregar uns expedientes que deberían ser públicos e transparentes?», pregúntase a voceira popular Loli Hermelo.

A queixa popular admitida a trámite pola Valedora puxo de relevo tres frontes moi graves de opacidade continuada que o executivo local pretende agora tapar a base de silencio. Por unha banda, a formación popular denunciou a ocultación deliberada de expedientes á oposición mediante o bloqueo sistemático das solicitudes de información, incumprindo de xeito flagrante o prazo de cinco días que fixa a lei e conculcando así dereitos fundamentais de fiscalización democrática.


A esta vulneración súmase o caos contractual reiteradamente advertido por Intervención, marcado pola inacción municipal diante dos continuos reparos técnicos por manter a piscina municipal da Balea funcionando dende hai sete anos cun contrato totalmente caducado, así como polo abuso continuado da figura do contrato menor con evidentes indicios de fraccionamento.

Todo isto nun escenario agravado polo apagón informativo, impedindo á oposición o acceso a expedientes que son solicitados por escrito. “Xa non falemos das preguntas rexistradas que continúan sen resposta polos responsables municipais” explica a popular.


Un goberno en fuxida
«Cangas non pode estar gobernada por quen actúa coma se a casa do Concello fose o seu cortello particular». Dende o PP advirten que recorrerán a todas as vías administrativas e legais precisas para que se respecte o Estado de Dereito: «Que a Valedora teña que mandar un segundo apercibimento lembrándolles que están a vulnerar a lei demostra o nivel de escurantismo ao que teñen sometido ao noso pobo. Quen nada teme, nada esconde. Se cren que polo mero feito de calar van tapar as súas chapuzas, os seus contratos caducados e a súa falla de proxecto para Cangas, equivócanse de medio a medio».