BNG E PSOE DEIXAN NO CAIXÓN 3,45 MILLÓNS EN OBRAS MENTRES ACUMULA 6,46 MILLÓNS DURMINDO NOS BANCOS
Apenas executaron o 36% dos investimentos orzamentados para mellorar as parroquias e servizos. Unha mostra da súa incapacidade de xestión, que mantén millóns retidos nas contas mentres as rúas e instalacións municipais sofren un total abandono.


O Partido Popular de Cangas revelou un novo bloque de datos extraídos da Conta Xeral de 2025 que demostra a parálise inversora que atravesa o Concello. Segundo reflicte a liquidación oficial, o goberno local só foi quen de executar 2.001.749,27 euros dos 5.456.695,42 euros que tiña consignados para obras e melloras no Capítulo 6 (Investimentos Reais), deixando sen gastar 3.454.946,15 euros, o que supón que o 63,32% dos fondos previstos quedou sen executar.
Desde o grupo maioritario da Corporación subliñan a contradición que supón esta falta de proxectos nun Concello que dispón de liquidez económica récord. O informe de Arqueo oficial a 31 de decembro de 2025 certifica que o Concello de Cangas tiña 6.462.562,15 euros paralizados en contas correntes bancarias. «A Cangas non lle faltan recursos económicos; fáltalle un goberno con capacidade de xestión para transformar eses cartos en obras útiles para a veciñanza», sinalan.
A parálise nos proxectos municipais afectou de cheo a servizos e infraestruturas esenciais en todo o termo municipal. A partida destinada a edificios municipais e construcións (Artigo 622) rexistrou un dos maiores índices de inexecución, xa que de 1,46 millóns de euros definitivos apenas se recoñeceron 91.424,28 euros, quedando o 93,7% do orzamento sen tocar e 1,37 millóns sen investir.
Esta mesma situación de bloqueo repítese nas instalacións deportivas, onde o goberno local deixou sen executar máis de 1,41 millóns de euros ao gastar unicamente 158.444,67 euros dos 1,57 millóns dos que dispoñía. Nas actuacións de mobilidade urbana a parálise foi case absoluta, cun gasto real de apenas 2.649,90 euros fronte a un crédito dispoñible de máis de 331.000 euros, deixando o 99,2% das intervencións sen facer.
Melloras pendentes
O desleixo nos proxectos públicos tamén se fixo evidente no mantemento e pavimentación das vías públicas municipais, onde quedaron sen utilizar preto de 380.000 euros consignados no orzamento para o arranxo de camiños e accesos nas distintas parroquias de Cangas.
«Non é de recibo que os veciños sufran beirarrúas deterioradas, espazos deportivos pechados ou camiños sen asfaltar mentres o goberno local presume de ter máis de 6,4 millóns de euros durmindo no banco», destacan os populares, incidindo en que a propaganda de supostos superávits do bipartito só agocha unha incapacidade manifesta para xestionar e licitar as obras que Cangas precisa.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
