CAOS NOS COMEDORES ESCOLARES CO CONTRATO EN PRECARIO E UNHA LICITACIÓN Á DESESPERADA A PORTAS DO CURSO
Esiximos responsabilidades ao tripartito pola parálise na contratación dun servizo básico para a conciliación das familias. O goberno local agardou a pleno verán para lanzar a segunda licitación, tras deixar morrer o concurso anterior e recorrer de novo a sesións exprés de trámite.


O Partido Popular de Cangas denunciou a situación límite e de incerteza á que o goberno local do BNG, PSOE e EU someteu ao servizo de comedores escolares do municipio. A escasas semanas do inicio do curso escolar 2026/2027, as familias e a comunidade educativa continúan sen garantías estables por culpa da incapacidade manifesta do tripartito para licitar en tempo e forma a xestión do catering e dos coidadores.
Os populares adverter de que a empresa prestadora leva meses traballando en precario e sen contrato formalizado despois de que a anterior licitación quedase totalmente deserta no mes de abril. Levar a aprobación do novo expediente de contratación ás portas do mes de agosto supón un auténtico parche á desesperada que demostra que a xestión diaria e os servizos básicos ás familias non son unha prioridade para os nacionalistas e os seus socios.
A parálise dos comedores non é un feito illado, senón a consecuencia directa dun executivo municipal que desvalorizou por completo os seus propios órganos colexiados. Tal e como reflicten literalmente os datos oficiais rexistrados nas propias actas municipais. As sesións da Xunta de Goberno Local convertéronse nun mero trámite burocrático de paso de lista que se despacha en tempo récord, sen debate político nin impulso de proxectos de calado para o municipio. Exemplo crave disto foron as sesións do 8 e do 15 de xuño, nas que as actas asinan unha duración de tan só oito e sete minutos respectivamente, limitándose a ventilar trámites menores sen abordar os problemas reais da veciñanza.
Esta dinámica de traballo vén acompañada dunha preocupante falta de dedicación e de constantes ausencias dos concelleiros delegados debidamente acreditadas nos documentos oficiais. En sesións recentes como as do mes de maio, as actas recollen como se deixaron expedientes sobre a mesa alegando textualmente a «falta de tempo» por parte do equipo de goberno para analizalos, mentres que durante o mes de xullo sucedéronse convocatorias de apenas dez minutos marcadas pola falta reiterada de membros do goberno que debían defender as súas respectivas áreas.
O baleirado de contido e a lentitude na xestión tradúcense nun atasco administrativo inasumible para veciños e emprendedores. O departamento de Urbanismo acumula demoras históricas documentadas nas propias resolucións, chegando ao extremo de resolver licenzas de primeira ocupación que levaban agardando dende o ano 2004, mentres os hostaleiros do municipio sofren a desesperación de recibir a aprobación das súas terrazas en pleno mes de agosto, cando a tempada estival xa está encarando a súa recta final.
Único incumpridor en contratación
O grupo maioritario da Corporación fíxose eco do último informe de fiscalización do Consello de Contas de Galicia que deixa en evidencia a opacidade do tripartito cangués ao sinalar a Cangas como o único concello de toda Galicia no tramo de 20.000 a 50.000 habitantes que non remitiu a información relativa aos seus contratos públicos. Mentres os outros 15 municipios do seu grupo cumpriron coas súas obrigas de transparencia, a negativa do goberno de Araceli Gestido a render contas ante o órgano fiscalizador autonómico supón un risco grave de elusión de control sobre volumes millonarios de contratación municipal.
Doce anos gobernando
O Partido Popular cualifica de «inaudito» que a concelleira de Facenda, a nacionalista Xiana Abal, xustifique as irregularidades en persoal cualificando a Relación de Postos de Traballo (RPT) como un «problema estrutural que vén de atrás» sen asumir ningunha responsabilidade, cando o BNG e os seus actuais socios suman case 12 anos gobernando de xeito continuado o Concello de Cangas.
A formación popular lembra que a realidade económica do municipio non a inventa a oposición, senón que vén asinada polo propio interventor municipal nos seus informes, onde non só se acreditan 184 reparos por 11,6 millóns e 34 contratacións verbais á marxe da lei, senón que se denuncia expresamente que o goberno local desoe e desestima de xeito sistemático as advertencias e recomendacións dos técnicos para corrixir estas irregularidades. Así mesmo, os populares rebaten o triunfalismo do executivo en materia de obras lembrando que a maior parte dos investimentos que se executan en Cangas proceden doutras administracións, sinalando directamente á Deputación de Pontevedra como a entidade que realmente está a financiar as principais actuacións no municipio.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
