"COVARDÍA" DUN GOBERNO SEN RUMBO QUE SE ABSTIVO NA SÚA PROPIA PROPOSTA DE VIVENDA PÚBLICA
Garantida a aprobación do Plan de Interese Autonómico (PIA) para ceder terreos a 300 familias ante un goberno en minoría. Fronte a isto, o BNG absteuse só para manter os seus soldos, cunha alcaldesa, Araceli Gestido, que amosa unha actitude "ditatorial" pero é incapaz de pelexar pola vivenda dos veciños.
O Partido Popular de Cangas cualificou hoxe de "esperpento político e paradoxo histórico" o acontecido no último Pleno da Corporación, onde o goberno tripartito decidiu absterse nunha proposta sobre a construción de vivenda pública que fora levada á sesión polo propio executivo local.
Para a formación popular, este feito é o reflexo da "covardía dun goberno sen rumbo". Os populares lembran o circo mediático e administrativo orquestrado nos último mes polo tripartito: primeiro anunciaron a convocatoria dun Pleno Extraordinario para tratar o asunto e, despois de enredar cunha Xunta de Portavoces e buscar unicamente titulares na prensa, decidiron lavar as mans e absterse na votación definitiva.
"O único obxectivo desta manobra foi non dinamitar o seu propio goberno. É a constatación de que estamos ante un executivo cos intereses dos socios totalmente enfrontados, socios que se pregan constantemente a directrices alleas e que ignoran por completo o interese xeral de Cangas", denuncian desde a formación.
O grupo maioritario da Corporación critica a actitude da alcaldesa, a nacionalista Araceli Gestido, á que acusan de prepotencia institucional. "A rexedora medra no Pleno, copiando os modos ditatoriais de Moaña para silenciar á oposición. Pero iso é o único que sabe copiar dos concellos veciños, porque á hora da verdade demostra ser absolutamente incapaz de pelexar para traer vivenda pública a Cangas e de manter a orde no seu propio goberno", sinalan.
O voto decisivo do PP para 300 familias
Fronte á parálise institucional, o Partido Popular subliñou que o seu compromiso coa vivenda demóstrase con feitos e con iniciativa política. Neste sentido, os populares lembran que a vía do Plan de Interese Autonómico (PIA) naceu precisamente dunha moción do Partido Popular, que apostou desde o primeiro momento por esta figura urbanística para promover a vivenda pública no municipio.
Debido a ausencias e abstencións no goberno, foi o voto afirmativo do Partido Popular o que garantiu a aprobación da iniciativa, evitando que a inoperancia do BNG, PSOE e EU fixese naufragar o proxecto.
Unha iniciativa que dá hoxe un novo paso adiante imprescindible para que a Xunta de Galicia comece a súa tramitación autonómica, co gran obxectivo no horizonte de poder comezar a súa construción no ano 2028.
"O Partido Popular non vai deixar escapar unha oportunidade histórica que beneficiará directamente a 300 familias canguesas que precisan dun fogar. Hoxe quedou claro quen ten iniciativa e quen bloquea. Non imos permitir que Cangas volva poñerse á cola do desenvolvemento e das políticas sociais, que é exactamente onde nos puxeron o BNG e os seus socios durante todos estes anos, tamén en materia de vivenda pública", conclúen os populares.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
