DESTAPAMOS O RECORTE NAS ANALÍTICAS DAS FONTES PÚBLICAS E A OCULTACIÓN DE CONTAMINACIÓN FECAL

Esiximos explicacións polo abandono de mananciais históricos e reclamamos medidas para recuperar as 15 fontes declaradas non aptas. Unha situación de grave risco para a saúde pública, agravada pola connivencia do tripartito coa concesionaria ao non intensificar os controis.

O Partido Popular de Cangas denuncia a «grave neglixencia, a opacidade e o recorte inxustificado» do goberno local de BNG, PSOE e EU no control sanitario das fontes públicas municipais. Tras analizar os informes técnicos históricos da concesionaria UTE Gestión Cangas, os populares constataron que o tripartito deixou sen control microbiolóxico a numerosos mananciais do termo municipal que en 2021 si se analizaban de forma regular, ao tempo que ocultou durante meses os alarmantes resultados de contaminación fecal detectados nas analíticas deste ano.

A formación popular comprobou que nos controis actuais de 2026 desapareceron máis dunha vintena de fontes públicas que figuraban no informe oficial de 2021. Trátase de máis de vinte mananciais repartidos por distintas parroquias e núcleos rurais do municipio —como Darbo, O Hío, Aldán, Coiro e o casco urbano de Cangas— que foron excluídos dos controis analíticos actuais sen ningunha xustificación técnica.


O grupo maioritario da Corporación lembra que a realización destes controis periódicos é unha obriga contractual directa da empresa concesionaria do servizo da auga, polo que resulta incomprensible que, lonxe de intensificar as analíticas ante o crecente número de captacións contaminadas, o goberno do BNG e os seus socios miren para outro lado. Esta actitude evidencia a “compracencia e connivencia do tripartito coa concesionaria, á que lle permiten reducir a vixilancia mentres deixan á veciñanza completamente desprotexida fronte a un problema de saúde pública de primeira orde” explican.

Contradicións

O PP lembra que no Pleno de xuño o concelleiro de Medio Ambiente, o nacionalista Antón Iglesias, asegurou que os controis se facían dúas veces ao ano e que os datos eran accesibles, mentres máis tarde declarou aos medios que se encargaban «cada dous ou tres meses». Ademais, mentres o edil presumía no salón de plenos de que a última analítica publicada —a da fonte da Regueira— dera correcta, calou que as mostras de maio e xuño arroxaban xa positivos moi graves por Escherichia coli e bacterias fecais en fontes como Manle (Liméns), Igrexario (Darbo), Do Sapo (Cunchido), Lameiro (Cimadevila) ou Mixarela (Vilanova).


As análises de agosto volveron confirmar a mesma situación sen que se adoptasen medidas correctoras sobre o terreo nin se reforzasen as mostras por parte da concesionaria.

Ante este escenario, o Partido Popular rexistrará un escrito oficial solicitando ao goberno de Araceli Gestido un informe detallado das actuacións técnicas de limpeza, cloración ou desinfección executadas polo Concello nas 15 fontes cuxa auga foi declarada non apta para acadar a súa recuperación sanitaria. Do mesmo xeito, o documento esixirá a debida xustificación dos motivos polos cales a concesionaria deixou de analizar e publicar os resultados das máis de vinte fontes que si estaban incluídas no programa de control de 2021, reclamando ademais a acreditación documental e fotográfica da sinalización física sobre o terreo con carteis claros que indiquen a aptitude da auga, tal e como lle vén de advertir por escrito a propia empresa concesionaria en cumprimento do Real Decreto 3/2023.


Por último, os populares fan un chamamento á cidadanía e instan a todos aqueles veciños que puideran verse afectados polo consumo de auga non apta a que o poñan en coñecemento do Concello de Cangas mediante escrito polo Rexistro municipal, por tratarse da administración competente e responsable directa de velar pola salubridade pública e dar resposta ante esta grave situación.