ESCÁNDALO NAS VIVENDAS DE EMERXENCIA SOCIAL: UNHA VIVENDA MÁIS DE MES E MEDIO BALEIRA E CUN TRIPARTITO QUE OCULTA OS INFORMES

O goberno local segue sen aclarar cando estará dispoñible o piso municipal desocupado, bloqueando dende hai dúas semanas a solicitude formal de expedientes. A esta opacidade súmanse as queixas por deficiencias básicas nestes inmobles, evidenciando a desidia dun executivo que mantén pechados estes recursos ás persoas vulnerables.

O Partido Popular de Cangas denunciou a alarmante situación de abandono, precariedade e oscurantismo que arrodea ás vivendas de emerxencia social de titularidade municipal na rúa Ensinanza. Dúas semanas despois de que o grupo maioritario da Corporación rexistrase unha solicitude formal de acceso aos expedientes e aos informes técnicos de habitabilidade, o goberno local de BNG, PSOE e EU segue gardando un absoluto silencio, incumprindo os prazos legais establecidos para facilitar a información pública.

Esta opacidade do executivo de Araceli Gestido adquire unha dimensión moito máis grave tras transcender o lamentable estado no que se atopaba o inmoble municipal desocupado, que chegou a estar asolagado por un palmo de augas fecais. Aínda que dita avaría de saneamento foi finalmente emendada tras semanas de desleixo, dende o PP subliñan que a vivenda acumula xa máis de mes e medio completamente baleira sen que o tripartito explique os motivos polos que segue sen estar operativa nin fixe unha data concreta para a súa posta a disposición da veciñanza que o precisa.


A este atraso inxustificado na posta a punto da vivenda súmanse agora as queixas veciñais trasladadas á formación sobre o precario estado das instalacións, advertindo de que os inmobles poderían carecer de elementos tan esenciais como campás extractoras ou saídas de fumes adecuadas na cociña, prescindindo dunha ventilación básica para o desenvolvemento de tarefas cotiás tan elementais como cociñar.

Os populares cualifican de “inadmisible” que mentres hai familias e veciños en situación de vulnerabilidade ou en risco inminente de desafiuzamento aos que se lles ten negado unha alternativa habitacional municipal, o Concello manteña pechado un piso propio por pura incapacidade xestora. “Estamos a falar de recursos públicos destinados a socorrer a persoas en situación de emerxencia; que o goberno local tarde semanas en actuar ante un problema de saneamento e manteña a vivenda inutilizada durante máis de mes e medio demostra unha alarmante falta de dilixencia e de sensibilidade social», sinalan.


Oscurantismo e falta de transparencia
Dende o PP lembran que a comezos de outubro rexistraron un escrito formal esixindo a certificación do estado de ocupación das tres vivendas, os contratos vixentes, os informes sociais da veciña á que inicialmente se ofreceu como única saída a derivación a unha residencia, así como os partes técnicos que xustifiquen por que a Alcaldía non activou o artigo 5 da propia ordenanza para decretar un ingreso provisional de urxencia. A día de hoxe, a alcaldesa segue sen dar resposta nin poñer a documentación requirida a disposición da oposición.

“O tripartito de BNG, PSOE e EU presume de políticas sociais de cara á galería, pero a realidade da súa xestión son vivendas municipais pechadas a cal e canto, avarías que tardan semanas en resolverse, carencias básicas de ventilación e un oscurantismo total para tapar a súa inacción”, conclúen dende o Partido Popular, esixindo a inmediata adecuación técnica do piso da rúa Ensinanza para que poida cumprir de inmediato a función social para a que foi concibido.