ESIXIMOS AO CATASTRO QUE ELIMINE A RETROACTIVIDADE DO "TAXAZO"

Reclamamos que a nova valoración teña efectos unicamente a partir de 2026. Mentres, o BNG, PSOE e EU póñense de perfil, frotándose as mans cos ingresos extra caídos do ceo.

photo of white staircase
photo of white staircase

O Partido Popular de Cangas vén de confirmar, tras analizar as notificacións que están a recibir centos de veciños, que o procedemento simplificado de valoración colectiva do Catastro supón un golpe directo ao peto das familias canguesas ao pretender aplicar efectos retroactivos. “O departamento estatal, ao cambiar a natureza do chan, de rústico a urbano, está cambiando indirectamente o que as persoas afectadas van a pagar de IBI (Imposto de Bens Inmobles), un gravame municipal” explican.

Os populares denuncian que o Catastro, baixo a cobertura do Ministerio de Facenda, está a realizar “un exercicio de cinismo intolerable. Pretenden cobrarlles aos veciños e veciñas catro anos de diferenza sen ter ningunha culpa". O grupo maioritario da Corporación sitúa estes feitos como unha “nova subida de impostos” impulsada polo Goberno Central “cun afán recadatorio intolerable” critican.


O PP esixe a eliminación desta retroactividade e que a nova valoración teña vixencia unicamente a partir deste exercicio 2026, evitando así unha recadación inxusta é o seu impacto na economía de centos de familias. “Non é xusto mire por onde se mire reclamar exercicios anteriores” insisten.

Ante o argumento do goberno tripartito (BNG, PSOE e EU) de que "non é unha competencia municipal", os populares son tallantes: mentres o Catastro fai o traballo sucio, o tripartito frota as mans agardando os ingresos extra a costa das familias. “A realidade é que pretenden que da noite á mañá moitos veciños e veciñas paguen impostos de primeira por servizos de segunda” critican, nun contexto de récord de recadación nas arcas municipais e de elevada inflación.

Por iso, o PP esixe que se poñan en marcha medidas de choque inmediatas. “Basta xa do silencio cómplice do actual equipo de goberno, que só fantasea con facturar máis que nunca mentres teñen o pobo totalmente abandonado”. En primeiro lugar, a nomeada eliminación total da retroactividade para que os efectos comecen en 2026. En segundo lugar, esixen a corrección de oficio das graves irregularidades detectadas, tanto nas datas de construción como na valoración das edificacións, moitas delas baseadas hoxe en datos obsoletos de 1986.

Desde a formación van a ofrecer información a toda a veciñanza que a precise no marco das reunións que están a manter en todas as parroquias. “Nós imos a estar ao carón da xente fronte este novo atropelo que conta co beneplácito do BNG, PSOE e EU” rematan.