O PP ESIXE AO TRIPARTITO QUE EXECUTE A EXPROPIACIÓN DO CAMIÑO DE PUNTA COUSO ANTE O RISCO PARA AS EMERXENCIAS TRAS O ÚLTIMO ACCIDENTE MARÍTIMO NO HÍO
Dous anos despois da súa aprobación por unanimidade no pleno de setembro de 2024, o executivo local mantén completamente paralizado o expediente para abrir ao uso público o paso costeiro pechado por un portalón. Ante esta inacción, o concelleiro Rafael Soliño advirte de que o bloqueo dos camiños no litoral dificulta as tarefas de rescate e supón un risco engadido para a seguridade que non admite máis dilacións.


O Partido Popular de Cangas reclama ao goberno tripartito de BNG, PSOE e EU que cumpra dunha vez o acordo plenario acadado por unanimidade hai máis de dous anos e tramite a expropiación do camiño de acceso a Punta Couso, na parroquia do Hío. A formación popular denuncia que, malia o respaldo unánime de todas as forzas da Corporación no Pleno de setembro de 2024, a alcaldesa nacionalista non moveu un só papel dende entón, mantendo este acceso costeiro pechado por un portalón privado que vulnera o interese público e prexudica a veciños, mariñeiros e operativos de emerxencia.
A reivindicación dos populares cobra unha vixencia crítica tras o incidente marítimo rexistrado este mesmo martes nas inmediacións de Punta Couso, onde unha planeadora cun tripulante quedou á deriva tras engancharse un cabo na hélice, sendo arrastrada pola forza do mar contra as rochas na praia do Portal. Para o grupo maioritario da Corporación este suceso volve a poñer de manifesto a extrema complexidade orográfica e as enormes dificultades de acceso que existen na franxa litoral do Hío ante calquera intervención de auxilio.
O concelleiro da formación e propoñente da moción, Rafael Soliño, adverte de que manter pasos costeiros clausurados pon en serio perigo a integridade dos profesionais e da cidadanía. “Aínda que o camiño pechado de Punta Couso non conduce exactamente á praia do Portal onde varou a lancha este martes, si dá acceso a unha área estratéxica de cantís e litoral próxima que, de rexistrar unha emerxencia similar ou un incendio forestal, impediría por completo a entrada rápida e eficaz dos vehículos de rescate e dos bombeiros”, explica.
Dende o PP lembran que a moción aprobada en setembro de 2024 xustificábase precisamente na necesidade de rematar coa indebida “zona de exclusión” que supón este peche: un camiño de evidente interese xeral que segue cortado ao paso público, prexudicando o acceso tradicional dos mariñeiros ao seu lugar de traballo, dificultando as labores periódicas de mantemento do faro que vela pola navegación marítima e provocando no pasado episodios de tensión e conflito veciñal.
“Cangas non pode permitirse que unha parte esencial da súa costa siga secuestrada por un portalón mentres o goberno local garda os acordos plenarios nun caixón por pura deixadez xestora”, remarca Soliño. O edil popular insta á alcaldesa a “deixar a un lado a pasividade e as escusas habituais para iniciar o expediente de expropiación municipal. Cando falamos de costa, de seguridade no mar e de capacidade de resposta ante sinistros, cada minuto conta e cada acceso despexado pode marcar a diferenza entre un susto e unha desgraza”.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
