FREADO O INTENTO DO BNG DE APROBAR A ORDENANZA DE RESIDUOS POLA PORTA DE ATRÁS E DE COSTAS Á OPOSICIÓN.

O informe xurídico de Secretaría obriga á Mancomunidade a rectificar o procedemento tras a denuncia de ilegalidade presentada. Dolores Hermelo censura o intento do goberno de ocultar o debate para evitar o control político, unha manobra freada grazas a este recurso.

worm's-eye view photography of concrete building
worm's-eye view photography of concrete building

O Partido Popular de Cangas celebrou hoxe o "éxito democrático" que supón o informe da Secretaría da Mancomunidade do Morrazo, que obriga de xeito inmediato ao goberno tripartito a rectificar a tramitación da nova ordenanza de residuos. O informe xurídico, filtrado polo Goberno da Mancomunidade, estima as alegacións de nulidade presentadas polo PP, confirmando que o goberno local non pode saltarse a Asemblea Xeral para aprobar unha norma que afecta directamente aos petos e ás obrigas da veciñanza.

A líder dos populares, Mª Dolores Hermelo, sinalou que a nota emitida polo BNG e os seus socios buscando camuflar esta rectificación como "un exercicio de prudencia" é, en realidade, a constatación dun fracaso xurídico por parte de quen pretende gobernar a base de ordes e escurantismo. "Intentaron colar un réxime sancionador e un cambio de modelo de residuos pola porta de atrás, na Xunta de Goberno, de costas á veciñanza. Se o PP non chega a denunciar esta ilegalidade nas súas alegacións, o tripartito tería consumado un atropelo democrático flagrante", denunciou Hermelo.


Dende o PP lembran que unha normativa que regula as sancións e as relacións coa cidadanía xamais pode ser considerada unha simple norma de organización interna, como pretendía xustificar o BNG, PSOE e EU para evitar o debate. "A soberbia destas formacións volveu chocar contra os informes técnicos. Grazas á fiscalización do Partido Popular, a ordenanza terá que ir á Asemblea Xeral, onde se escoitará a voz da veciñanza, garantindo o respecto aos procedementos legais e ordenamento xurídico", sinala a voceira popular.

“Exiximos que se abra un proceso aberto de diálogo con colectivos veciñais, sociais, sectoriais e formacións políticas co obxectivo de deseñar esta ordenanza desde o consenso e non desde a imposición” reclama Hermelo. “Esta rectificación pon en evidencia as carencias do xeito de actuar da Mancomunidade co tema do lixo. Deficiencias que se repiten na ordenanza do lixo aprobadas a comezos deste ano a pesar da contestación social que deixou de manifesto a política do ordeno e mando do BNG e os seus socios” remata.