HERMELO DINAMITA O RELATO DO BNG NO PARLAMENTO: "VALE XA DE ENGANAR CO HÍO E DE BOICOTEAR A FUTURA INFRAESTRUCTURA SANITARIA DE CANGAS"
O tripartito paraliza o Centro Integral de Saúde (CIS) cun urbanismo "á carta" mentres a Xunta desprega un investimento histórico en atención primaria. Ante a incapacidade do goberno local, presentamos unha iniciativa demandada polos profesionais para ampliar e mellorar o centro actual.
A voceira e deputada autonómica do Partido Popular de Cangas, Dolores Hermelo, desmontou este xoves coa máxima contundencia na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia "o ruído, a confrontación e a demagoxia" do BNG, PSOE e EU respecto da situación sanitaria do municipio. Mentres o tripartito se instala na queixa permanente, a popular confrontou o seu relato con feitos, cifras e propostas realistas para mellorar a atención de toda a veciñanza.
Hermelo contrapuxo a parálise do Concello de Cangas co esforzo investidor da Xunta de Galicia, que nos orzamentos destina a cifra récord de 1.747 millóns de euros á atención primaria (máis do 31% do gasto sanitario total). Unha estratexia básica que permitiu construír 52 novos centros de saúde e reformar outros 138 en toda Galicia, cun investimento en equipamento de última xeración que supera os 90 millóns de euros nos últimos catro anos.
"Para destapar a incoherencia do Bloque, a deputada popular sacou a relucir o informe técnico oficial “Propuestas de transformación de la Atención Primaria en Galicia”, editado en 2009 baixo o goberno de Pérez Touriño e asinado por altos cargos e expertos. Este documento advertía de xeito explícito contra a ineficiencia e os riscos de seguridade clínica que supón espallar os recursos en pequenos consultorios locais (miniconsultorios) como o do Hío.
O texto técnico do propio goberno socialista e nacionalista daquela época sentenciaba que este tipo de centros illados carecen de capacidade resolutiva, saturan o sistema con demandas banais e agravan o desinterese profesional e o "burnout" dos médicos novos. Ademais, o informe estipulaba que a solución para o século XXI pasaba pola concentración de dispositivos asistenciais dotados de mellores recursos diagnósticos e pola introdución de filtros organizativos para evitar a medicalización de problemas menores; xusto o modelo que defende o PP e que o BNG boicotea hoxe en Cangas
A voceira popular explicou que o Centro de Saúde de Cangas incorporou nos últimos anos novos profesionais, o equipo de Hospitalización a Domicilio (SAD), servizos de nutrición e a categoría de centro docente MIR, á que se sumará axiña a formación EIR. "Este éxito de novos servizos xera un incremento de actividade e de persoal que require, de xeito inmediato, máis espazos", sinalou.
Por este motivo, a popular presentou unha iniciativa parlamentaria para que o Sergas impulse novas actuacións de adaptación no centro actual e no de Aldán, dando continuidade ás obras xa realizadas na zona de observación e no PAC. "Mellorar o centro actual non significa renunciar ao CIS; os pacientes non poden seguir agardando pola incompetencia do goberno local. Son obras que piden os propios profesionais sanitarios", aclarou Loli.
Oito anos de boicot
A deputada popular foi tallante ao sinalar por que Cangas non ten hoxe unha nova infraestructura sanitaria como si teñen outros concellos como Lalín ou Moaña. "Non a temos porque o goberno de nacionalistas e socialistas non quere que a Xunta invista 20 millóns de euros en Cangas, porque iso suporía un antes e un despois que desmontaría o seu discurso", acusou.
Hermelo lembrou que o tripartito rompeu un acordo plenario que permitía ceder unha parcela por 300.000 euros para meterse nunha modificación puntual complexa. "Para o terreo da infraestrutura sanitaria non hai cartos, pero para pagar 400.000 euros no rescate dun ciberataque pola súa nefasta xestión, para iso o goberno nacionalista si tivo fondos de inmediato", recriminou.
A verdade sobre o Hío: campaña e enganos
Para rematar, Dolores Hermelo esixiu ao BNG que "vaia á hemeroteca" e deixe de usar o consultorio do Hío para enganar á xente. Lembrou que esa parcela foi comprada por un goberno nacionalista sen pagar, deixando unha débeda de case 500.000 euros que —xunto a un puf municipal de 17 millóns— tivo que asumir o PP.
A popular aclarou que o consultorio non se abre por estrito criterio dos facultativos: "Os propios profesionais médicos din que non, que prefiren estar centralizados en Aldán para que, cando un saia, a xente estea cuberta por outro compañeiro". Acusou ao tripartito de "mentir a sabendas en campaña electoral prometendo unha apertura que non estaba nas súas mans" e lembrou as contradicións da alcaldesa de Moaña, a nacionalista Leticia Santos, quen "asinou que o PAC se ía para Cangas e, á semana seguinte, montou unha manifestación contra o que ela mesma asinara". "Nós non imos facer promesas irreais; seguiremos traballando ao lado dos profesionais e esixindo a infraestrutura única que Cangas merece", concluíu.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
