NOVA CACICADA DO TRIPARTITO AO PRETENDER APROBAR POR URXENCIA A CONTA XERAL TRAS MESES DE ATRASOS
Nunha nova mostra de falta de rigor e respecto aos procedementos, o goberno local incumpriu os prazos legais da Conta Xeral dende o inicio da súa tramitación. Tras deixar pasar o Pleno ordinario do venres, o executivo pretendeu incorporala ao extraordinario con menos de 24 horas de antelación, un atraso inxustificable na rendición de contas que podería comprometer o acceso a subvencións públicas.


O Partido Popular de Cangas denuncia un novo atropelo do goberno municipal, que hoxe pretendeu incorporar por urxencia a aprobación da Conta Xeral de 2025 a un Pleno extraordinario convocado inicialmente para o sorteo das mesas electorais. A declaración de urxencia non prosperou debido ao voto contrario dos populares, polo que o asunto non chegou a debaterse.
Para o PP, o sucedido é unha nova mostra da falta de rigor e planificación dun goberno que leva meses incumprindo os prazos legais e que agora pretende trasladar á Corporación as consecuencias da súa propia improvisación. “Estamos ante unha nova chapuza administrativa que o goberno pretendeu resolver cun atropelo aos procedementos ordinarios. Primeiro incumpren os prazos legais, despois deixan pasar o Pleno ordinario e finalmente pretenden que toda a Corporación asuma as consecuencias da súa falta de planificación», denuncian os populares.
O pasado xoves 29 de outubro, o goberno convocou un Pleno extraordinario para o martes 3 de novembro cun único punto na orde do día: o sorteo das mesas electorais. Ao día seguinte, venres 30 de outubro, celebrouse o Pleno ordinario da Corporación, no que o goberno non incluíu a aprobación da Conta Xeral. Porén, o luns 2 de novembro, a menos de 24 horas da celebración do Pleno extraordinario, o goberno comunicou unha modificación da convocatoria para incorporar a aprobación da Conta Xeral mediante o procedemento de urxencia. “Que cambiou entre o venres e o luns para que un asunto que non consideraron necesario levar ao Pleno ordinario se convertese de súpeto nunha urxencia? Como se pode xustificar esta maneira de actuar?”, preguntan desde a formación.
O grupo maioritario da Corporación lembra que a lexislación establece, con carácter xeral, unha antelación mínima de dous días hábiles para a convocatoria dos plenos, agás nos supostos legalmente previstos de urxencia. Neste caso, a incorporación da Conta Xeral comunicouse o día anterior á sesión, sen respectar a antelación ordinaria. “A urxencia non pode converterse nunha escusa para compensar a falta de planificación do goberno nin para menosprezar os procedementos e o traballo dos grupos da oposición”, sinalan.
Tramitación marcada polos atrasos
O PP lembra que esta situación non é un feito illado, senón o resultado de meses de atrasos na tramitación da Conta Xeral de 2025. A lexislación establece que este documento debe ser informado pola Comisión Especial de Contas antes do 1 de xuño. Porén, en Cangas a comisión non se celebrou ata o 5 de agosto, máis de dous meses despois do prazo legal. Posteriormente, a Conta Xeral someteuse a exposición pública mediante un anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia o 18 de setembro. A pesar diso, o goberno deixou pasar o prazo legal do 1 de outubro para sometela á aprobación plenaria e tampouco levou o asunto ao Pleno ordinario do pasado 30 de outubro.
“O goberno tivo meses para tramitar a Conta Xeral e varias semanas para organizar a súa aprobación. Non estamos ante unha urxencia sobrevida, senón ante as consecuencias dunha xestión sen previsión nin rigor”, critican os populares. A formación lembra, ademais, que xa advertira publicamente dos atrasos na tramitación deste expediente e das súas posibles consecuencias, sen que o goberno corrixise a situación a tempo.
O PP rexeitou a urxencia, non a aprobación
O Partido Popular quere deixar claro que o seu voto contrario no Pleno de hoxe non foi contra a aprobación da Conta Xeral, senón contra a maneira na que o goberno pretendía incorporala á orde do día. Os populares consideran que a alcaldesa debe explicar por que non levou este asunto ao Pleno ordinario do venres e que circunstancias xustificaban a súa tramitación urxente apenas tres días despois. “Non imos avalar que o goberno converta os seus incumprimentos nunha urxencia para toda a Corporación. O respecto aos prazos legais, aos procedementos e aos dereitos dos concelleiros non é opcional”, sinalan.
Desde o Partido Popular esixen ao goberno municipal que abandone a improvisación, respecte os procedementos legais e cumpra coas súas responsabilidades. “Cangas merece un goberno que traballe con rigor, que planifique e que cumpra os prazos. Non un goberno que pretenda solucionar cun atropelo de última hora o que non foi capaz de facer durante meses”, conclúen.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
