O AFÁN RECADATORIO DO TRIPARTITO COAS MULTAS POLAS FINCAS EN LUGAR DE GARANTIR A SÚA LIMPEZA

Sancionar non elimina a maleza nin o perigo de lumes. Esiximos ao goberno do BNG e os seus socios que asuman a execución subsidiaria e cumpran co convenio da Xunta.

O Partido Popular de Cangas cualifica de «pura farsa e afán recadatorio» o anuncio do goberno local de BNG, PSOE e EU de renunciar á execución subsidiaria para limitarse a multar directamente aos propietarios de parcelas sen limpar. A formación popular sinala que as sancións económicas non resolven o problema de fondo, que é retirar o combustible vexetal e garantir a seguridade da veciñanza ante o risco de lumes forestais, poñendo de manifesto a falla de capacidade e a preguiza de xestión do executivo municipal.

Dende o PP chaman a atención sobre a dobre vara de medir do tripartito: “móstranse implacables e con gran dilixencia para perseguir e castigar o peto dos veciños e veciñas con multas de ata 10.000 euros, mentres manteñen unha permisividade cómplice coa empresa concesionaria do ciclo da auga (UTE Gestión Cangas), á que non lle impoñen sancións a pesar dos continuos episodios de verteduras de augas fecais nas praias e contornas naturais”.


O grupo maioritario da Corporación lembra que a lexislación vixente deixa clara a obriga do Concello de actuar. O artigo 22 da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, aprobada polo bipartito, en concordancia cos artigos 100 e 102 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común, establece taxativamente que, ante o incumprimento dos propietarios e tras o preceptivo requirimento, a Administración local ten o deber de proceder á “execución subsidiaria” dos traballos de xestión da biomasa, repercutindo con posterioridade os custos aos titulares. Optar unicamente por multar e deixar as parcelas cheas de maleza demostra “que ao goberno do BNG e os seus socios resúltalle demasiado traballo xestionar e prefire recadar antes que protexer a vila” afirman..

Convenio incumprido

Os populares sinalan que esta aparición na prensa ten como único obxectivo simular unha actividade que non existe. O Concello de Cangas segue sen presentar o plan de actuación e a planificación esixida no marco do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e Seaga para a xestión das faixas secundarias.


Este acordo autonómico pon á disposición dos concellos medios técnicos e operativos directos para desbrozar a prezos fixados e xestionar a biomasa preto dos núcleos de poboación, pero a desidia do tripartito mantén a Cangas fóra do seu aproveitamento efectivo, motivo polo cal o PP solicitará formalmente acceso ao informe técnico elaborado «ad hoc» no que o goberno di ampararse para xustificar a súa inacción.

“Cangas volve situarse como unha excepción negativa respecto a outros concellos galegos que si fan os seus deberes, cooperan coa administración autonómica e asumen as súas competencias de desbroce. A falta de xestión do tripartito deixa á veciñanza máis desprotexida e vulnerable fronte aos incendios forestais en plena tempada estival” rematan.