O BNG MANTÉN PARALIZADAS AS LIMPEZAS DE BIOMASA DA XUNTA NAS FAIXAS SECUNDARIAS E VIAIS MUNICIPAIS DE CANGAS
A parálise administrativa do goberno local mantén bloqueada a limpeza gratuíta de 10 hectáreas e 12 quilómetros de vías municipais. Esta "neglixencia" do BNG e os seus socios deixa o monte cangués totalmente desprotexido ante a chegada do verán.


O Partido Popular de Cangas denunciou a "temeraria e crónica incompetencia" do goberno local na xestión da biomasa e a prevención de incendios, despois de confirmar que, catro meses despois de que expirase o prazo, o tripartito segue sen enviar o plan de actuacións á Xunta.
Os populares, que xa alertaron publicamente desta parálise o pasado mes de abril, comprobaron con extrema preocupación que o departamento de Medio Ambiente que dirixe o nacionalista Antón Iglesias fixo oídos xordos ás advertencias. O Concello deixou pasar a data límite do 31 de marzo e hoxe, cruzado o ecuador do verán e co risco de incendios, mantén conxelada a limpeza de 10 hectáreas de execucións subsidiarias e 12 quilómetros de vías municipais que lle corresponden ao municipio de balde a través do convenio asinado coa Xunta.
"O concelleiro mentiu para tapar o seu desleixo botándolle as culpas á lentitude de Seaga, pero a realidade é que Seaga non pode actuar en Cangas porque o Concello aínda non enviou o papel dicindo onde hai que limpar", sinala a líder popular, Dolores Hermelo. Para o PP, esta parálise demostra a "nula capacidade" do executivo de BNG e PSOE para xestionar a burocracia que esixe a lei, que obriga a dar 15 días aos propietarios para limpar e, no caso de titulares descoñecidos, publicar os requirimentos oficiais no BOE e no DOG.
Dende a formación lembran que esta "xestión fantasma" xa provocou un fracaso estrepitoso na anterior campaña, na que o Concello foi incapaz de facer chegar o 97% das notificacións por correo postal, tramitando unicamente 500 avisos por vía electrónica dun total de 14.500 propietarios. "Hoxe o perigo é aínda maior, porque seguimos sen saber cantos avisos cursaron neste 2026 e cantos veciños e veciñas seguen sen saber que teñen que limpar por culpa da parálise do actual goberno", cuestiona Hermelo. O PP cualifica de "hipocrisía" que o goberno reclame á veciñanza que asuma a súa responsabilidade mentres é incapaz de limpar as súas propias parcelas municipais ou de tramitar un sinxelo plan de actuacións.
A lei do bipartito
Ante os intentos do tripartito de presentar a xestión subsidiaria como unha carga política imposta pola Xunta do PP, dende o grupo maioritario da Corporación son tallantes: "A Lei de Incendios de 2007, que establece que a xestión da biomasa é obriga dos propietarios e de xeito subsidiario dos concellos, foi redactada e aprobada polo goberno autonómico de PSOE e BNG. Non poden facerse as vítimas nin queixarse dunhas obrigas que os seus propios partidos crearon".
O PP de Cangas esixe ao tripartito que asuma as súas competencias de forma inmediata antes de que sexa demasiado tarde, envíe o plan de actuación sen máis demoras e dea explicacións pública sobre o estado real da prevención na vila neste 2026.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
