O "CAOS E A IRRESPONSABILIDADE" DO BNG NAS PRAIAS: SOCORRISTAS SEN MEDIOS E CANGAS COA ÚNICA COSTA SEN BALIZAR

O tripartito mantén o servizo de salvamento en precario e o contrato de balizamento deserto, poñendo en risco a seguridade de bañistas e embarcacións. Un mes despois de aprobar a nosa moción para mellorar o litoral, o goberno incumpre o acordo a pesar de contar cun orzamento récord de 20 millóns de euros.

a man riding a skateboard down the side of a ramp
a man riding a skateboard down the side of a ramp

O Partido Popular de Cangas denunciou hoxe o enésimo fracaso de xestión do goberno local do BNG e os seus socios tras un inicio da campaña de socorrismo marcado polas carencias materiais e a improvisación. Os populares lamentan que a historia se repita ano tras ano sen que o Goberno local tome a máis mínima medida preventiva, arrastrando ao municipio a unha situación insostible que dana gravemente a nosa imaxe da vila e a seguridade na costa.

O PP incide en que, a pesar da demagoxia habitual do Bloque co que é público, o servizo de socorrismo atópase totalmente privatizado, o que non evitou que o persoal arranque a tempada rodeado de deficiencias inadmisibles. A propia realidade do servizo destapa que os patróns de rescate carecen de embarcacións, os postos de vixilancia e protectores solares atópanse destrozados e existe unha falta xeral de medios materiais básicos para que os profesionais desenvolvan o seu labor con dignidade.


A maior irresponsabilidade do goberno da nacionalista Araceli Gestido céntrase no balizamento das praias, cuxo contrato de licitación quedou deserto pola súa mala planificación. Como consecuencia, Cangas é hoxe o único municipio de toda a comarca do Morrazo que mantén as súas praias sen balizar. Esta carencia supón un perigo pola convivencia de bañistas e embarcacións nun mesmo espazo, ademais de ser un obstáculo engadido para o traballo de salvamento dos propios socorristas.

“No último Pleno, onde fixemos varias preguntas sobre a situación dos nosos areais en pleno inicio da campaña de verán a sra. Gestido amosou un profundo descoñecemento da situación e o nulo compromiso do seu goberno neste ámbito” afirman. Postos e casetas dos socorristas destrozadas, a pesar de anunciar en marzo a súa renovación, baños pechados, falta de limpeza ou que non se despreguen os elementos para dotar de accesibilidade aos areais, son algunhas da deficiencias detectadas.


Desde o PP lévase anos alertando da perigosa deriva que tomaron os servizos públicos nas praias. Esta falta de previsión xa provocou os primeiros incidentes na auga neste inicio de verán que, por fortuna, non resultaron graves, pero que confirman o carácter absolutamente básico dun servizo de socorrismo ao que se está privando de ferramentas esenciais.

Máis propaganda que xestión

Esta situación de abandono chega xusto un mes despois de que o Partido Popular presentase no Pleno unha moción urxente para esixir un plan de choque integral nas praias. A pesar de que a iniciativa foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos, trinta días despois o tripartito demostra que “se lle dá moito mellor levantar a man nos plenos para salvar a cara que xestionar a realidade do concello”.


O PP acusa ao goberno de incumprir sistematicamente os acordos plenarios, ninguneando aos lexítimos representantes da veciñanza e demostrando unha incapacidade de xestión alarmante. "É intolerable que Cangas ofreza esta imaxe de caos e descontrol cando o tripartito está a xestionar un orzamento récord de 20 millóns de euros", concluíron os populares, quen esixen a execución inmediata de partidas para dotar de medios ao salvamento e balizar de urxencia a costa.