O CONCELLO PAGOU CASE 1,8 MILLÓNS DE EUROS EN SERVIZOS SEN CONTRATO, UNHA PRÁCTICA QUE A INTERVENCIÓN EQUIPARA A CONTRATOS VERBAIS PROHIBIDOS POLA LEI.
A Intervención Municipal alertou en 34 expedientes de que servizos esenciais como o SAF, a piscina municipal, o guindastre ou os ascensores operaron sen cobertura contractual ordinaria. Ademais, a adxudicación do SAF chegou tarde tras un concurso deserto e segue empantanada por recursos, mentres a piscina continúa en precario co contrato vencido.


O Partido Popular de Cangas deu a coñecer unha nova batería de datos oficiais da Conta Xeral de 2025 que revela a gravidade e a desorde na contratación municipal. Segundo os informes emitidos polo órgano de control interno, o BNG e os seus socios tramitaron ao longo do pasado ano un total de 34 expedientes de omisión da función interventora por un importe de 1.791.975,55 euros correspondentes a servizos que se estiveron a prestar sen contrato vixente nin concurso público en vigor.
Desde o grupo maioritario da Corporación aclaran que non se trata de gastos puntuais ou urxencias sobrevidas, senón dunha práctica continuada de prórrogas tácitas irregulares. «Ao ter os contratos totalmente extinguidos e non sacar os novos pregos a concurso en tempo e forma, o goberno mantén as empresas traballando en vía de feito, unha situación de precariedade que a propia Intervención e a doutrina xurídica equiparan a contratacións verbais expresamente prohibidas polo artigo 37.1 da Lei de Contratos do Sector Público», denuncian.
A documentación fiscalizadora certifica que prestacións moi sensibles para a veciñanza operaron durante o exercicio 2025 nesta situación de irregularidade continuada. O caso máis significativo é o do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que atende a persoas dependentes e cuxa facturación mensual supera os 100.000 euros sen contrato ordinario vixente.
Este colapso no SAF arrastrouse ao longo do último ano pola incapacidade de xestión do executivo local: tras un primeiro intento errado no que a licitación quedou deserta, o contrato adxudicouse finalmente este ano pero o relevo da empresa estivo paralizada por un recurso especial presentado pola anterior adxudicataria, prolongando a interinidade do servizo aínda hoxe.
Unha situación máis grave de parálise dáse na xestión da piscina municipal, cun contrato caducado xa no inicio do anterior mandato e que aínda hoxe atópase co contrato vencido. “Pese as advertencias técnicas e mocións presentadas o BNG e os seus socios continúan negándose a poñer fin a esta irregularidade cunha nova licitación” critica a formación. Algo que se repite noutros servizos municipais que operaron sen cobertura como o guindastre, o mantemento de ascensores dos edificios públicos, a consultoría acústica ou o tratamento de residuos.
Avisos de nulidade
A gravidade de manter prestacións sen soporte contractual levou á Intervención Municipal a propor formalmente en 15 destes expedientes a revisión de oficio por concorrer causa de nulidade de pleno dereito, ao abeiro do artigo 47 da Lei 39/2015, advertindo ademais de que este anómalo funcionamento pode derivar na esixencia de responsabilidades administrativas e patrimoniais.
A pesar destas contundentes advertencias técnicas, a Alcaldía asinou sistematicamente resolucións en apenas 24 ou 48 horas para ordenar o pago das facturas apelando á figura do «enriquecemento inxusto». O Partido Popular lembra que esta vía xurídica existe unicamente como mecanismo excepcional para non prexudicar a terceiros de boa fe que xa fixeron o traballo, pero non pode converterse na fórmula habitual de goberno para esquivar a obriga legal de licitar os servizos.
«O BNG, PSOE e EU levan case 12 anos gobernando e non poden escudarse en escusas cando é a súa propia desidia a que mantén en precario os servizos máis básicos de Cangas; os veciños merecen contratos legais, licitacións en tempo e forma e total transparencia. En definitiva, xestión.», conclúen.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
