O EXSUBDELEGADO DE SÁNCHEZ TAPA O FRACASO DA SAREB E A PARÁLISE DOS SEUS GOBERNOS LOCAIS

Fronte ás declaracións de Abel Losada, Galicia consolídase como a cuarta comunidade en licitación residencial pública con 380 millóns investidos en 2026 e un plan de 10.000 vivendas protexidas. A nivel local, o contraste é evidente: mentres o único fito histórico foron 160 pisos entregados baixo un goberno popular, o tripartito rexeita o PIA das Saíñas e perde os fondos de Nazaret e do IGVS. Unha parálise que se abordará este venres 23, ás 18:00 horas no Hotel Las Vegas, na charla aberta «Cangas a debate: retos e solucións ao problema da vivenda».

O Partido Popular do Morrazo cualificou hoxe de “burla aos veciños e exercicio de puro cinismo electoral” a comparecencia do candidato socialista ao Congreso e ata hai pouco subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, xunto a líder dos socialistas cangueses, Sagrario Martínez, para falar de vivenda pública. Dende o PP sinalan que resulta inaudito que o PSOE pretenda dar leccións cando a esquerda acumula máis de 12 anos en Cangas demostrando que “se lle dá moito mellor soster pancartas e facer demagoxia nas rúas que gobernar, xestionar e resolver os problemas reais da cidadanía”.

Dende a formación popular desvelan o comportamento da SAREB, á que cualifican de «actuar como un auténtico fondo voitre». Mentres o Goberno central anunciaba a bombo e prato a mobilización de 50.000 vivendas sociais, a entidade estatal apenas traspasou un 0,5 % dos pisos en toda España —unicamente 201 vivendas foron transferidas en todo o exercicio—. A realidade é que a SAREB mantén máis de 6.500 inmobles baleiros en Galicia, parte deles localizados en Cangas, sen poñelos ao servizo das familias que precisan un teito.


O propio informe oficial da entidade confirma que Galicia concentrou preto do 9 % das vendas residenciais de todo o Estado en 2025 (case unha de cada dez vivendas vendidas pola SAREB foron no territorio galego), xerando máis de 40 millóns de euros de ingresos. O Estado priorizou facer caixa no mercado privado en lugar de transferir estas propiedades aos municipios para fins sociais.

A Regueira e o fracaso en Nazaret

Un dos exemplos máis gráficos deste desinterese en Cangas son os edificios da rúa Atranco e A Regueira), onde o Goberno de España non ten vontade real de formalizar as súas cesións. A este abandono estatal súmase a incapacidade do tripartito cangués de BNG, PSOE e EU, que tenta culpar a outras administracións dos seus propios erros. Os populares desmontan a falsidade difundida por Abel Losada sobre as vivendas de Nazaret. A Xunta non retirou ningunha axuda, senón que foi o propio Concello quen renunciou formalmente aos 200.000 euros concedidos ao admitir a súa incapacidade para executar as obras en prazo.


De feito, o Concello de Cangas mantén baleiras desde 2021 seis vivendas en Nazaret cedidas pola Xunta, catro atrapadas nunha interminable rehabilitación e dúas completamente esquecidas. Isto mentres o tripartito ataca o proxecto autonómico das Saíñas e renuncia a pedir os créditos a xuro cero do Fondo de Cooperación do IGVS para mercar ou rehabilitar inmobles.

O único apoio ao PIA

Dende a formación popular censuran a hipocrisía dos socios de goberno locais ante o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) que a Xunta deseñou para o entorno do río Saíñas co obxectivo de crear 300 vivendas. “O Partido Popular foi o único partido que apoiou sen complexos esta actuación estratéxica para o futuro de Cangas, mentres o PSOE e os seus socios do BNG e EU prefiren poñerse de perfil, obstaculizar e atacar a intervención autonómica antes que asumir o desafío de dar teito á veciñanza”.

A realidade dos datos desmonta por completo o relato socialista. Segundo os informes da Asociación de Empresas Constructoras e Concesionarias de Infraestruturas (Seopan), Galicia sitúase na cuarta posición de España en volume de vivenda pública licitada, chegando a encabezar os índices de investimento durante diversos períodos deste ano 2026 tras superar os 380 millóns de euros en licitacións residenciais polas administracións públicas. Actualmente, o Goberno galego ten en marcha a construción de máis de 4.600 vivendas públicas e mantén o obxectivo firme de duplicar o seu parque público ata acadar os 10.000 inmobles no ano 2030, exercendo con feitos o seu compromiso autonómico.

O fito histórico

Dende as filas populares lembran que as únicas vivendas públicas reais coas que conta a veciñanza de Cangas levan o selo da xestión do Partido Popular. Foi precisamente durante o mandato de 1999-2003 cando se impulsou o groso do parque residencial social e protexido do municipio. Naquel período acadouse o pico histórico coa tramitación e entrega duns 160 inmobles protexidos e vivendas sociais integradas na trama urbana, un volume de execución física e de entrega de chaves que ningún goberno de esquerdas foi quen de igualar nin achegarse nas últimas dúas décadas.

Fronte a ese modelo de xestión, os últimos 12 anos de gobernos locais de esquerdas en Cangas caracterizáronse por unha parálise urbanística absoluta. Nin un só metro cadrado de chan posto a disposición, un Plan Xeral (PXOM) gardado no caixón e unha desidia xestora continuada. “A quen se lle esgotou o discurso é ao PSOE e ao tripartito cangués. Falan de vivenda mentres manteñen pisos de emerxencia social desocupados durante meses, perden subvencións autonómicas e foxen de calquera solución urbanística real. Menos caravanas propagandísticas e máis traballar polo chan público dende as concellerías que ocupan”, conclúen.


Charla sobre vivenda

Para analizar a situación con rigor e propoñer alternativas reais fronte á parálise política, o grupo maioritario da Corporación convida á veciñanza ao encontro que terá lugar mañá venres, 23 de outubro, ás 18:00 horas no Hotel Las Vegas. O acceso a unha vivenda é unha das maiores preocupacións na nosa vila. Por iso, a formación chama á veciñanza a participar nesta charla-coloquio aberta para abordar a situación actual, poñer solucións sobre a mesa e escoitar as vosas propostas.