O PP ACADA QUE O CENTRO DE SAÚDE DE CANGAS IMPLANTE A FINAIS DE MES O TRATAMENTO EXTRAHOSPITALARIO PARA PACIENTES ONCOHEMATOLÓXICOS

A iniciativa parlamentaria impulsada por Dolores Hermelo evitará que os veciños teñan que desprazarse a Vigo para recibir tratamentos médicos. O novo circuíto asistencial permitirá administrar a medicación directamente no centro de saúde con plenas garantías, poñendo fin a esperas de ata catro horas no hospital.

Os pacientes oncohematolóxicos de Cangas que cumpran cos criterios clínicos establecidos poderán recibir os seus tratamentos directamente no centro de saúde da localidade a finais deste mesmo mes de outubro. Esta mellora asistencial responde á iniciativa parlamentaria defendida polo Grupo Popular no Parlamento de Galicia e impulsada pola deputada autonómica e voceira municipal do PP de Cangas, Dolores Hermelo.

A proposta, formalizada a través dunha Proposición Non de Lei (PNL), insta ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a estender ao municipio o exitoso Programa de Atención Extrahospitalaria Integral da Área Sanitaria de Vigo. Este modelo asistencial, que xa funciona en centros de saúde como O Porriño, Ponteareas, Redondela ou Tomiño, dá agora un paso decisivo no Morrazo para achegar os coidados á veciñanza e humanizar a atención médica.


Ata o de agora, os usuarios que requiren este tipo de medicación deben trasladarse de xeito periódico ao hospital de referencia, asumindo os tempos de viaxe e estadías de entre tres e catro horas entre a prescrición, a preparación por parte do servizo de farmacia e a administración no hospital de día. Coa activación deste novo circuíto asistencial, os tratamentos validaranse de maneira previa e estarán preparados e dispoñibles no Centro de Saúde de Cangas para a súa inoculación nunha cita concertada.

Hermelo subliñou a transcendencia deste avance para «evitar desprazamentos innecesarios e aliviar a carga que sofren pacientes, na súa maioría persoas maiores ou con dificultades de mobilidade, que precisan terapias de maneira prolongada e continuada».


A implantación do servizo conta con todas as garantías de seguridade médica grazas á coordinación dos equipos de Hematoloxía, Farmacia Hospitalaria, Enfermaría e Atención Primaria. Esta medida reforza a aposta da administración autonómica polos servizos sanitarios públicos de Cangas, que se sumará ao impulso do novo Centro Integral de Saúde (CIS) do Morrazo, cun investimento previsto de 15 millóns de euros.