O PP DE CANGAS LEVA A PLENO A REPARACIÓN URXENTE DA NAVE DE DEPORTES NÁUTICOS ANTE O SEU GRAVE DETERIORO E RISCO PARA OS DEPORTISTAS

O tripartito de BNG, PSOE e EU deixou a urxente reparación da nave fóra do modificado de remanentes de setembro, esquecendo esta actuación tras prometer tres millóns e aprobar apenas un. Ante esta parálise, os populares defenderán o venres unha moción para esixir ao goberno local que asuma as súas obrigas e execute as obras antes dos temporais de outono. Unha intervención que Portos de Galicia xa se comprometeu a axilizar en canto o Concello presente o proxecto técnico correspondente.

O Partido Popular de Cangas levará ao Pleno ordinario deste venres unha moción na que insta ao goberno local a acometer de forma urxente a reparación integral da Nave de Deportes Náuticos. As instalacións, que acollen os adestramentos diarios do Club de Remo Vila de Cangas e a preto de cen deportistas —moitos deles en idades de base—, presentan un estado de abandono e deterioración material que pon en risco constante a seguridade dos usuarios.

A formación, liderada por Dolores Hermelo, subliña que os deportistas levan dende comezos de ano tendo que adestrar entre baldes e recipientes para recoller as continuas goteiras e frear a auga que asolaga as salas de exercicio. “Coa chegada do outono e a volta dos temporais intensos, esta situación vólvese insostible; é inaceptable que os nosos deportistas teñan que adestrar con perigo real de esvaróns, caídas e lesións, xunto coa constante ameaza de avarías en equipamentos de alto custo económico como son os ergómetros do club”, remarcan.


Desde o grupo maioritario da Corporación inciden en que o Concello de Cangas é o titular da concesión administrativa do inmoble e, polo tanto, a administración directamente obrigada a garantir o seu mantemento, conservación e seguridade. Neste senso, desmontan as escusas do goberno local lembrando que Portos de Galicia xa lle trasladou en abril á alcaldesa a total disposición do ente autonómico a tramitar coa máxima celeridade a preceptiva autorización en canto o Concello redacte e presente o correspondente proxecto técnico para executar as obras que lle competen. “A realidade é que a día de hoxe non fixeron nada. Non hai vontade política” denuncian.

Asemade, critican con dureza a falta de palabra e a xestión económica do tripartito conformado por BNG, PSOE e EU. “Dixeron publicamente que a reparación da nave se financiaría con cargo aos remanentes de tesourería, pero a realidade é que foi unha das actuacións que deixaron deliberadamente fóra no expediente levado a Pleno o pasado mes de setembro. Anunciaron a bombo e prato nos medios máis de tres millóns de euros e acabaron aprobando unha proposta de pouco máis dun millón onde, unha vez máis, as necesidades do deporte cangués e do Club de Remo Vila de Cangas quedaron esquecidas”.


Por todo elo, a iniciativa plenaria dos populares contempla catro acordos concretos: asumir e executar coa máxima urxencia as obras de consolidación e impermeabilización para subsanar as filtracións; coordinar o deseño do proxecto técnico en contacto directo cos responsables do Club de Remo Vila de Cangas para atender as deficiencias reais; habilitar e consignar de maneira inmediata a partida orzamentaria imprescindible para o seu financiamento; e remitir canto antes o proxecto técnico a Portos de Galicia para obter a preceptiva autorización sectorial e iniciar os traballos sen máis demoras.