O PP DE CANGAS SÚMASE Á CONVOCATORIA EN APOIO A CEUTA ANTE O SILENCIO E A PASIVIDADE DO GOBERNO LOCAL

O tripartito de BNG, PSOE e EU ignora a concentración solidaria convocada para este mércores, 2 de setembro, ás 20:00 horas na Praza do Concello en respaldo ao chamamento da FEMP, mentres si difunde outras convocatorias oficiais similares.

O Partido Popular de Cangas secundará a concentración en apoio e solidariedade coa poboación de Ceuta, fixada para este mércores, 2 de setembro, ás 20:00 horas na Praza do Concello. A convocatoria, de carácter nacional, nace dun chamamento oficial formulado pola Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) para todos os concellos españois.

A formación popular dá este paso ante a actitude do goberno municipal de BNG, PSOE e EU, que a diferenza do que fai habitualmente con outras convocatorias institucionais, optou por non confirmar nin trasladar á veciñanza esta cita impulsada pola FEMP. Dende o PP local consideran «incomprensible e decepcionante» o silencio do executivo de Araceli Gestido diante dunha crise que require a implicación e a empatía de todos os concellos do Estado.


A mobilización ten como obxectivo amosar a solidariedade cunha poboación que está a soportar unha presión extraordinaria sobre os seus recursos asistenciais, a súa seguridade e a súa convivencia diaria. Os populares lembran que o límite fronteirizo de Ceuta é a fronteira común de toda España e de Europa, polo que a defensa da integridade territorial, o respecto á legalidade e o mantemento do Estado de Dereito requiren unha resposta de Estado decidida e a achega de medios materiais e humanos suficientes para non deixar á cidade soa ante esta emerxencia.

Do mesmo xeito, a concentración servirá para recoñecer publicamente o labor esencial e o sobreesforzo dos profesionais sanitarios, forzas de seguridade, persoal de servizos sociais e voluntarios que traballan a diario para manter a normalidade e a orde na cidade autónoma.


Dende o grupo maioritario da Corporación convidan a toda a veciñanza de Cangas a participar neste para transmitir, por riba de siglas políticas, unha mensaxe de unión, respaldo e solidariedade.