O PP ESIXE EXPLICACIÓNS A GESTIDO POR ASIGNAR A UNHA TRABALLADORA LABORAL FUNCIÓNS E RETRIBUCIÓNS DUN POSTO FUNCIONARIAL
A alcaldesa recorreu a un decreto individual para anticipar unhas funcións previstas nunha RPT que segue sen aprobarse, unha manobra da que urxe coñecer os informes técnicos que a avalan e o seu custo económico. Esta decisión súmase ás dúbidas sobre a xestión do cadro de persoal municipal, onde conviven sen aclaración unha praza de técnico de Administración Xeral A1 (nivel 28) e outra de persoal laboral (nivel 26).


O Partido Popular de Cangas esixe explicacións á alcaldesa, Araceli Gestido, pola súa decisión de asignar temporalmente a unha traballadora laboral fixa funcións e diferenzas retributivas correspondentes a un posto de técnico de Administración Xeral, grupo A1, nivel 28, de natureza funcionarial. Os populares consideran especialmente preocupante que esta decisión se adoptase mediante un decreto de Alcaldía do pasado 22 de outubro, cando o goberno municipal continúa sen conseguir aprobar a nova Relación de Postos de Traballo (RPT).
“O goberno non é capaz de sacar adiante a RPT, pero xa está anticipando por decreto funcións e retribucións previstas nela. A alcaldesa debe explicar con que criterios, con que informes e con que cobertura legal está tomando estas decisións», sinalan. Tamén destacan que a documentación oficial do propio Concello permite identificar unha circunstancia que o goberno debe aclarar.
O cadro de persoal aprobado co orzamento municipal de 2024, publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o 16 de agosto dese ano, recolle unha praza de técnico de Administración Xeral, grupo A1, nivel 28, clasificada como funcionarial e que figuraba vacante. Nese mesmo documento aparece, de maneira diferenciada, unha praza de técnico de Administración Xeral, categoría técnico superior, grupo I, nivel 26, correspondente a persoal laboral fixo.
Ademais, un decreto municipal do 4 de abril de 2024 acredita que a traballadora á que agora se lle atribúen as novas responsabilidades foi contratada como persoal laboral fixo, técnico superior do grupo I, mediante un proceso de estabilización de emprego. “Non estamos falando de dúas denominacións distintas para o mesmo posto. O propio Concello distingue no seu cadro de persoal entre unha praza funcionarial A1, nivel 28, e unha praza laboral do grupo I, nivel 26. O que queremos saber é como xustifica a alcaldesa que se atribúan funcións e diferenzas retributivas vinculadas á primeira a unha traballadora que pertence á segunda categoría», explican os populares.
O grupo maioritario da Corporación lembra que a condición de persoal laboral fixo non equivale á de funcionario de carreira e que determinadas funcións administrativas están legalmente reservadas ao persoal funcionario. Por iso, reclama que o goberno aclare se as responsabilidades asignadas son compatibles coa condición laboral da empregada e se existe un informe xurídico que avale expresamente esta decisión.
Unha RPT sen aprobar, pero con efectos anticipados
Os populares advirten de que a situación resulta aínda máis difícil de explicar ao comparar o decreto coa proposta de RPT elaborada polo propio Concello. Ese documento contempla unha xefatura do servizo de Contratación e Subvencións, configurada como posto de técnico de Administración Xeral, grupo A1, nivel 28, con funcións de dirección, coordinación e organización do departamento. Son precisamente responsabilidades que aparecen recollidas na resolución de Alcaldía do 22 de outubro.
“Se a nova organización municipal aínda non está aprobada, por que se están anticipando mediante resolucións individuais determinadas funcións e efectos económicos? Que criterios se están aplicando e por que se prioriza esta decisión mentres o resto do persoal continúa á espera da RPT?”, preguntan. Os populares consideran que a falta de planificación do goberno non pode substituírse por decisións individuais que xeren dúbidas sobre a súa cobertura xurídica e económica.
Diferenza retributiva prevista de case 15.000 euros anuais
O PP tamén chama a atención sobre as consecuencias económicas da decisión. A documentación da proposta de RPT establece para a xefatura de Contratación unha retribución anual de 53.216,06 euros, fronte aos 38.251,51 euros que figuran como retribución actual de referencia na táboa económica. A diferenza prevista ascende a 14.964,55 euros brutos anuais. Os populares aclaran que esta cifra corresponde á comparación económica recollida na proposta de RPT e que é necesario coñecer o expediente para determinar o incremento efectivamente recoñecido á traballadora mediante o decreto.
“Estamos ante unha decisión que non só afecta á organización do Concello, senón tamén ás retribucións públicas. Por iso esiximos coñecer o seu custo real e os informes que avalan o pagamento destas diferenzas”, sinalan. Por iso o Partido Popular solicitará o expediente completo da resolución de Alcaldía, os informes de Persoal e Secretaría que, de ser o caso, a fundamenten, a xustificación económica das diferenzas retributivas e a situación actual da praza funcionarial utilizada como referencia.
Tamén reclamará que se aclare a duración máxima da asignación temporal e os criterios seguidos para adoptar esta medida. Os populares subliñan que a súa crítica non se dirixe contra a traballadora nin cuestiona a súa capacidade profesional, senón contra a maneira na que o goberno municipal está organizando os recursos humanos e adoptando decisións con consecuencias administrativas e económicas.
“É a alcaldesa quen asina o decreto e quen ten a responsabilidade de garantir que as decisións sobre o persoal municipal respecten a legalidade, os procedementos e os principios de igualdade e transparencia”, insisten. Desde a formación subliñan que o Concello necesita unha RPT aprobada, unha organización estable e criterios claros para a provisión dos postos de responsabilidade.
“Cangas merece un goberno que resolva os problemas de persoal con planificación, transparencia e seguridade xurídica. O que non pode facer Gestido é manter bloqueada a RPT e, ao mesmo tempo, ir aplicando por decreto as partes que considera oportunas sen ofrecer explicacións suficientes”, conclúen.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
