O "TAXAZO" DO LIXO E O CAOS DA MANCOMUNIDADE: "PRIMEIRO METEN A MAN NO PETO DOS VECIÑOS E DESPOIS BUSCAN QUEN NON PAGA"

O BNG duplica o recibo aos veciños que cumpren (pasando de 67 a 126 euros) en lugar de actualizar o padrón, descubrindo agora 1.082 vivendas que non pagan tras dez anos no poder. A isto súmase unha ordenanza "confiscatoria" que impón multas desproporcionadas e afoga á hostalaría.

black blue and yellow textile
black blue and yellow textile

O Partido Popular de Cangas manifestou hoxe a súa absoluta indignación ante as últimas informacións relativas á xestión do servizo de recollida de lixo por parte da Mancomunidade do Morrazo. O ente supramunicipal vén de anunciar a apertura de expedientes para dar de alta a 1.082 vivendas (250 delas en Cangas) que levaban ata catro anos sen pagar a taxa correspondente.

Para os populares, esta situación evidencia un descontrol administrativo inxustificable. "Sorprende e indigna profundamente que, despois dunha década gobernando o BNG e os seus socios na Mancomunidade, nos enteiremos agora de que había máis dun milleiro de vivendas 'fantasma' sen abonar o servizo. A orde lóxica e xusta de calquera administración sería actualizar primeiro o padrón fiscal para que paguemos todos e, así, pagar menos. Con todo, eles fixeron xusto o contrario: primeiro metéronlle a man no peto aos cidadáns que si cumpren, aprobando un 'taxazo' que case duplica o recibo previsto para 2027, e logo puxéronse a revisar quen non pagaba", denuncian desde a formación.


Nesta mesma liña de xestión "atropelada e de costas á realidade", o Partido Popular de Cangas alerta de que, dúas semanas despois, seguen sen ter ningún tipo de resposta respecto ás alegacións presentadas á nova ordenanza de funcionamento do servizo.

Os populares reiteran que esta norma ten un carácter puramente confiscatorio, irreal e gravemente prexudicial para o tecido produtivo de Cangas e de todo o Morrazo. Neste sentido, a formación advirte de que a ordenanza impón franxas horarias estritas e totalmente incompatibles coa realidade turística e comercial da vila. Ao limitar o depósito do lixo unicamente á franxa de 20:00 a 23:00 horas, o goberno está abocando aos hostaleiros a reter residuos insalubres no interior dos seus locais durante as horas de maior afluencia de clientes.


Por último, o PP de Cangas censura que a nova normativa establece un afán recadatorio absolutamente desproporcionado. A ordenanza castiga con multas de ata 2.000 euros infraccións menores relativas á simple separación ou á baixada do lixo fóra de hora.