O TRIPARTITO AUTORIZOU 90 COMPLEXOS TURÍSTICOS NESTE MANDATO CUN INVESTIMENTO DE CASE 6,6 M€ E A RECONVERSIÓN DE 62 LOCAIS E OFICINAS EN VIVENDAS

Fronte aos 8 millóns de euros de investimento privado, o goberno local apenas destina 130.000 euros para rehabilitar 4 das 6 vivendas cedidas pola Xunta en Nazaret. Unha falta de implicación que intentan xustificar culpando a outras administracións, malia ter competencias directas por lei, e que se agrava co rexeitamento das formacións de esquerdas ao desenvolvemento das 300 vivendas públicas do PIA.

As actas das Xuntas de Goberno feitas públicas ata agora polo tripartito reflicten cifras sorprendentes en canto o desenvolvemento das políticas de vivenda no concello. Así, desde o inicio do mandato ata o 3 de agosto (última colgada) o goberno composto polo BNG, PSOE e EU autorizou o desenvolvemento de 90 complexos turísticos (vivendas turísticas, bungalows,...) que mobilizaron un investimento de 6,6 millóns de euros no municipio, de xeito particular na parroquia de Hío.

A isto hai que sumar a reconversión de baixos comerciais e oficinas en vivendas (62), que superan as licencias ás vivendas unifamiliares (61), cun investimento que supera os 1,4 millóns de euros. Unhas cifras que non deixan de sorprender nas filas do Partido Popular de Cangas dado que este tipo de alternativas habitacionais foron cualificadas como “infravivendas” por parte do BNG e os seus socios. “Unha cousa e o seu discurso e outra ben distinta é o que fan” denuncian.


“Resulta insultante que os mesmos dirixentes que se poñen detrás da pancarta para protestar pola crise habitacional, que poñen o foco na actividade turística, fagan todo o contrario nos despachos” reflexionan á vez que critican que a vivenda de emerxencia social continúe pechada e inoperativa desde fai máis dun mes. “Agora sacarán coellos da chistera para tratar de esquivar as súas propias responsabilidades, comezando polo secuestro do PXOM nun caixón dende hai máis dunha década” sinala o grupo maioritario da Corporación. “Incumprindo reiteradamente os acordos plenarios” engaden.

A isto súmase o fracaso na xestión do patrimonio recibido, xa que a Xunta cedeu ao Concello seis vivendas de mestres en Nazaret para alugueiro social e o tripartito foi incapaz de xestionar a totalidade, rehabilitando só catro grazas aos 200.000 euros do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e deixando dúas abandonadas tras parálises inxustificables nas obras. “O investimento privado millonario contrasta cos pouco máis de 130.000 euros do BNG para rehabilitar estes inmobles” valoran.

Resultado de 11 anos gobernando

Segundo os datos oficiais de Turismo de Galicia de setembro de 2026, Cangas escalou ata situarse como o sexto concello de toda a comunidade con máis prazas en vivendas de uso turístico, alcanzando as 3.585 e superando a cidades como Santiago de Compostela. O municipio é o sétimo con maior densidade turística galega, con 94,1 prazas por quilómetro cadrado fronte ás 85,9 de Vigo, o que implica que arredor de 650 vivendas. “É algo que teñen que ter moi presente a veciñanza cando escoiten ao tripartito falar de contención das vivendas turísticas. Xa non enganan a ninguén” afirman. “A realidade e que non fixeron nada en materia de vivenda no noso municipio en máis dunha década” insisten.


Pola contra, o pon o foco na necesidade de reactivar a construción de vivenda nova e, nesta liña, poñen en valor o desenvolvemento do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) do Saíñas impulsado pola Xunta de Galicia para dotar á vila de arredor de 300 vivendas protexidas e que foi aprobado en solitario polos populares. “Unha vez máis o BNG, PSOE e EU deixaron en evidencia canto lles preocupa o problema da vivenda na nosa vila” critican. “O mesmo que fan coas vivendas e terreos do SAREB na nosa comunidade, entidade que facturou 40 M€ grazas á venda de inmobles en Galicia o pasado ano segundo o seu informe anual”. Na actualidade a entidade pública estatal conta con 6.512 propiedades das cales 1.830 viviendas estarían listas para habitar por toda a comunidade, o 89% baleiras.

Dende o Partido Popular desmontan a táctica do tripartito de botar balóns fóra e declararse incompetente para esquivar responsabilidades. Os populares lembran que o artigo 25.2 da Lei de Bases do Réxime Local (LBRL) atribúe expressamente aos concellos competencias directas fundamentais en «urbanismo: planeamento, xestión, execución e disciplina urbanística» e na «promoción e xestión da vivenda de protección pública». “A verdadeira orixe do problema é que a esquerda leva máis de 11 anos gobernando Cangas co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) bloqueado, impedindo xerar solo e vivenda asequible para a mocidade e as familias traballadoras”. “A veciñanza espera menos demagoxia e máis xestión” rematan.