O TRIPARTITO COMEZA O CURSO SACANDO A LICITACIÓN POR SEGUNDA VEZ OS COMEDORES ESCOLARES
A empresa actual leva un ano enteiro operando en precario tras vencer o contrato anterior e quedar deserta a anterior licitación. Rebaixa o importe total respecto ao concurso errado de marzo, elimina calquera prórroga e resérvase un 45% de valoración subxectiva a dedo.


“O BNG e os seus socios inician o novo curso sen ter os deberes feitos”. Así o manifesta o Partido Popular de Cangas polo desleixo do goberno local cos comedores escolares. Coincidindo exactamente co primeiro día lectivo e a volta dos nenos ás aulas, o tripartito de publicou na Plataforma de Contratación a licitación do servizo de cátering e coidadores para os colexios de Nazaret, A Rúa, O Hío e Espiñeira-Aldán.
Para o grupo maioritario da Corporación, este feito demostra a incapacidade manifesta do goberno da na nacionalista Araceli Gestido, “que agardou a ver os centros abertos para decatarse de que tiña pendente a tramitación dun servizo básico para a conciliación de centos de familias”.
“Esta improvisación é o resultado dunha cadea continuada de despropósitos. O último contrato rematou o 20 de xuño de 2025 tras dous cursos cun orzamento de 402.336 euros, o que supoñía uns 19.150 euros ao mes. Tras meses de brazos cruzados, o tripartito intentou licitar a deshoras en marzo de 2026 por 297.518 euros, pero ningunha empresa quixo o contrato e o concurso quedou totalmente deserto” recordan.
A consecuencia deste fracaso foi que durante todo o curso 2025/2026 os catro comedores escolares de Cangas funcionaron fóra da legalidade contractual e sen cobertura oficial, repetindo o mesmo desleixo que o PP xa denunciou na piscina da Balea e ante a Valedora do Pobo.
Lonxe de facer o concurso máis atractivo tras quedar deserto en primavera, o tripartito rebaixa agora o orzamento total a 224.070 euros para nove meses de servizo. Aínda que a media mensual ronda os 24.800 euros, o PP advirte do risco evidente de que as empresas volvan darlle as costas ao Concello por mor da suba de prezos dos alimentos. “Ademais, os prazos son un engano: as ofertas pódense presentar ata o 24 de setembro e resulta materialmente imposible cumprir os trámites legais para comezar o servizo o 1 de outubro tal e como promete o prego” explican.
Caducidade electoral interesada
O novo prego agocha tamén unha clara trampa política ao prohibir expresamente calquera prórroga e fixar o remate do contrato o 21 de xuño de 2027. Esta data coincide xusto despois das eleccións municipais, o que demostra que o goberno renuncia a darlle estabilidade aos centros e ás traballadoras para sacudirse o problema e deixarlle a pataca quente ao goberno que saia das urnas. Para colmo, rompen o modelo previo: se antes todo se decidía con fórmulas matemáticas transparentes, agora resérvanse un 45% da puntuación para criterios subxectivos e memorias que valorarán ao seu propio criterio.
Exixencia de explicacións
“O BNG e os seus socios deberían render contas e aclarar como pagaron o servizo durante o ano que funcionou sen contrato e baixo que paraugas legal xantarán os nenos este mes de setembro”. Os populares tamén lamentan que os escolares e as súas familias sexan as vítimas continuadas dun goberno esgotado que vive instalado no parche e na chapuza permanente.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
