O TRIPARTITO DEIXA CANGAS SEN POLICÍA LOCAL POLAS TARDES

A negativa do goberno local a garantir o mínimo de dous axentes deixa a Cangas sen patrullas na quenda de tarde dende o 30 de xuño. Un grave perigo tras a adhesión ao sistema VioGén, xa que ante un aviso por violencia de xénero non habería efectivos para auxiliar á vítima.

O Partido Popular de Cangas denunciou hoxe o "indecente deterioro" da seguridade cidadá no municipio provocado pola total falta de previsión e parálise do goberno tripartito. Os populares destaparon que, desde o pasado martes 30 de xuño, a Policía Local de Cangas non está a cubrir o servizo en toda a quenda de tarde, coincidindo coa época máis crítica do ano cando a poboación multiplícase coa chegada de visitantes.

Esta situación débese a que o BNG e os seus socios non reforzan esta quenda para garantir o compoñente mínimo imprescindible dunha patrulla operativa ordinaria: o binomio de dous axentes. Ao producirse unha baixa médica dentro do corpo —que o goberno, na súa liña habitual, foi incapaz de cubrir—, o servizo polas tardes quedou totalmente anulado, provocando xa que varios requirimentos e urxencias de veciños que precisaron axuda esta semana quedasen sen atender.


Desde a formación que lidera Dolores Hermelo alertan de que a falta de efectivos, sumada á grave deficiencia de medios técnicos que padece o corpo policial desde hai meses, pon de manifesto un abandono institucional insostible. O grao de irresponsabilidade do tripartito adquire unha dimensión alarmante se se ten en conta que o Concello de Cangas acaba de integrarse oficialmente no Sistema de Seguimento Integral nos Casos de Violencia de Xénero (VioGén), tras publicarse o convenio co Ministerio do Interior no Boletín Oficial do Estado (BOE).

"É unha hipocrisía intolerable", denuncian desde o grupo maioritario da Corporación. "Venden como un éxito político a foto da adhesión ao programa VioGén, que coordinan directamente dous axentes da Policía Local, pero a realidade de rúa é que se esta semana se tivese dado un aviso de emerxencia por violencia de xénero polas tardes, non había ningunha patrulla operativa para acudir de inmediato a auxiliar á vítima".


O PP cualifica de "escándalo e vergoña" a dobre vara de medir do goberno municipal á hora de xestionar os recursos de todos os cangueses. Os populares afean que o tripartito use de xeito partidista aos axentes públicos segundo os seus propios intereses e non os da cidadanía.

"Non é de recibo que este goberno non escatime en gastos nin en recursos á hora de reforzar os efectivos da Policía Local con varios axentes un día concreto para blindar o pleno da Mancomunidade e aprobar á forza o taxazo do lixo, pero que despois sexa incapaz de poñer un só reforzo para garantir que os veciños teñan unha patrulla na rúa as tardes desta semana. Para frear as protestas veciñais polas súas políticas si hai policías, pero para protexer as parroquias e os colectivos vulnerables non hai previsión", concluíron os populares.