O TRIPARTITO GARDOU A CONTA XERAL NUN CAIXÓN DURANTE MÁIS DE 40 DÍAS FACENDO IMPOSIBLE CUMPRIR A LEI E APROBALA EN PLENO
O goberno de BNG, PSOE e EU atrasou deliberadamente a publicación das contas no BOPPO ata o 18 de setembro, facendo inviable a súa aprobación antes do 1 de outubro malia estar ditaminadas dende agosto. Unha manobra que xera un risco real de bloqueo de axudas públicas ante o Consello de Contas e da que xa se alertou no Pleno de xuño, mentres a concelleira de Facenda mentía sobre os prazos.


O Partido Popular denuncia a grave neglixencia e a parálise administrativa do goberno local de BNG, PSOE e EU, que vén de consumar un incumprimento dos prazos legais establecidos na normativa estatal para a tramitación e aprobación da Conta Xeral do Concello correspondente ao exercicio 2025.
Dende a formación lembran que o artigo 212 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLRHL) fixa un calendario imperativo para garantir o control democrático das finanzas municipais: a Conta Xeral debía estar ditaminada antes do 1 de xuño e aprobada obrigatoriamente polo Pleno da Corporación antes do 1 de outubro, co gallo de remitila ao Consello de Contas de Galicia e ao Tribunal de Cuentas antes do 15 deste mes.
O grupo maioritario da Corporación subliña que esta situación non colle por sorpresa a ninguén porque o PP xa alertou formalmente de que isto ía suceder na sesión plenaria celebrada o pasado 26 de xuño. Nese debate, a concelleira de Facenda, Xiana Abal, faltou á verdade e afirmou publicamente ante a Corporación que a Conta Xeral tiña como data límite para a súa aprobación o 30 de outubro, inventando un prazo inexistente na lexislación de facendas locais.
Dende o PP sinalan que resulta difícil saber que é máis preocupante nunha responsable económica municipal: “se a súa manifesta ignorancia do procedemento administrativo e legal básico, ou a súa absoluta falta de responsabilidade e incapacidade de xestión”.
44 días de parálise
A formación popular desvelou que este incumprimento consumado non obedece a un contratempo técnico imprevisto, senón á desidia do executivo de Araceli Gestido. Malia acumular xa máis de dous meses de atraso sobre o calendario legal, a Comisión Especial de Contas ditaminou favorablemente o expediente o pasado 5 de agosto de 2026. Nese momento, o goberno local aínda dispoñía de marxe para remitir de inmediato o anuncio ao Boletín Oficial da Provincia e chegar a tempo ao debate plenario ordinario de setembro.
Porén, o tripartito gardou o expediente nun caixón durante 44 días, non publicando o preceptivo anuncio no BOPPO ata o 18 de setembro. Ao esixir a lexislación un prazo obrigatorio de 15 días hábiles de exposición pública máis outros 8 días hábiles adicionais para a presentación de reparos ou reclamacións, o goberno de BNG, PSOE e EU provocou de xeito directo e deliberado que fose matematicamente imposible someter as contas ao Pleno antes do prazo improrrogable do 1 de outubro.
Risco de perder axudas
Os populares advirten de que este descontrol administrativo carrexa graves consecuencias prexudiciais para Cangas. A Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia e a práctica totalidade das liñas de subvencións esixen ter as contas debidamente rendidas en prazo ante o Consello de Contas de Galicia como requisito indispensable para cobrar liquidacións ou concorrer a novos fondos públicos, a maiores do risco de retención da Participación nos Tributos do Estado (PTE) por parte do Ministerio de Facenda.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
