O TRIPARTITO INCUMPRE OS ACORDOS DO PLENO PARA MELLORAR AS BOLSAS DE COMEDOR E DEIXA FÓRA ÁS FAMILIAS TRABALLADORAS

Dolores Hermelo censura que o goberno local ignore a implantación da renda per cápita e a conciliación laboral aprobadas no Pleno. Ademais, a falta de difusión nos canais municipais mantén as axudas nun alcance mínimo, beneficiando só a 26 dos 180 menores usuarios nos centros públicos.

O Partido Popular de Cangas denuncia o incumprimento sistemático por parte do goberno local dos acordos plenarios impulsados polo grupo maioritario para modernizar e facer máis xustas as axudas de comedor escolar. Malia que a moción popular saíu adiante no Pleno de maio coa abstención do propio goberno, o executivo de Araceli Gestido ignorou tres dos catro puntos acordados, aplicando de novo uns baremos ríxidos que deixan sen apoio a decenas de familias traballadoras da vila.

A líder popular, Dolores Hermelo, sinala que a única mellora acadouse polo pulo e a vixilancia da oposición: o adianto da convocatoria a xuño e a apertura do prazo durante todo o mes de xullo (do 1 ao 31 de xullo). Este adianto evitou repetir o caos do curso 2025/2026, cando o tripartito demorou a aprobación das bases ata finais de agosto e abriu un prazo exprés de apenas 18 días en pleno mes de setembro coas clases xa iniciadas, provocando que moitas familias non recibisen a resolución definitiva ata o segundo trimestre.


Dende o grupo maioritario da Corporación censuran que o goberno municipal non deseñase nin executase unha verdadeira campaña institucional de publicidade a través de todas as vías municipais ao seu alcance, tal e como esixía o acordo plenario. Mentres as familias recibían avisos remitidos directamente dende os centros de ensino a través da aplicación Abalar Móbil da Xunta, o Concello desentendeuse da difusión activa na súa web e nas súas redes sociais corporativas.

Esta falta de impulso institucional traduciuse nunha nova baixada no volume de solicitudes ordinarias, que caeron a 23 familias (para 30 menores). Os populares advirten de que o alcance do programa segue sendo residual: nunha comunidade de preto de 800 escolares matriculados nos centros de Infantil e Primaria con xestión municipal (CEIP Nazaret, CEIP O Hío, CEIP Espiñeira-Aldán e CEIP A Rúa), onde arredor de 180 alumnos utilizan diariamente as instalacións, as bolsas concedidas limitáronse a tan só 26 menores (20 familias). Isto supón que apenas o 14% dos usuarios reais do comedor acceden a unha bonificación.


Baremos ríxidos
O executivo local volveu incumprir o mandato de substituír o índice do IPREM polo sistema de Renda Per Cápita (RPC). O modelo actual segue castigando a fogares con dous salarios axustados ou en contornas de Salario Mínimo Interprofesional (SMI), xa que superan os topes globais e quedan excluídos malia ter gastos de subsistencia elevados.

Esta falta de criterio maniféstase nos continuos bandazos e na improvisación do goberno no articulado das bases. Respecto á convocatoria anterior, o tripartito suprimiu os catro chanzos progresivos (100%, 85%, 60% e 50%) para pasar a só tres niveis (100%, 75% e 50%), provocando que quen supere os límites de ingresos por pequenas cantidades sufra unha penalización desproporcionada con saltos de copago moi pronunciados.


Ao mesmo tempo, as novas bases deixan en evidencia a rectificación forzada do goberno nos gastos de vivenda, xa que tras discriminar inxustamente no curso anterior ás familias con hipoteca ao contemplar unicamente o alugamento, víronse obrigados a incluír a dedución hipotecaria de 500 euros ao mes pola presión da moción do PP. Con todo, esta medida segue a ser insuficiente ao manterse os topes ríxidos do IPREM e negarse en redondo a valorar nas bases a incompatibilidade horaria ou a necesidade de conciliación laboral dos proxenitores, actuando de costas á realidade dos fogares que precisan o comedor por motivos laborais.