O TRIPARTITO MANTÉN PARALIZADAS AS LIMPEZAS DE BIOMASA DA XUNTA NAS FAIXAS SECUNDARIAS E VIAIS MUNICIPAIS DE CANGAS

A parálise administrativa do goberno do BNG mantén bloqueada a limpeza gratuíta de 10 hectáreas e 12 quilómetros de vías municipais. Unha "neglixencia" que deixa o monte cangués totalmente desprotexido ante a chegada do verán.

worm's-eye view photography of concrete building
worm's-eye view photography of concrete building

O Partido Popular de Cangas denunciou hoxe a "temeraria e crónica incompetencia" do goberno local na xestión da biomasa e a prevención de incendios, despois de confirmar que, dous meses despois de que expirase o prazo legal, o tripartito segue sen enviar o plan de actuacións á Xunta.

Os populares, que xa alertaron publicamente desta parálise o pasado mes de abril, comprobaron con extrema preocupación que o departamento de Medio Ambiente que dirixe o nacionalista Antón Iglesias fixo oídos xordos ás advertencias. O Concello deixou pasar a data límite do 31 de marzo e hoxe, ás portas do verán e co risco de incendios en aumento, mantén conxelada a limpeza de 10 hectáreas de execucións subsidiarias e 12 quilómetros de vías municipais que lle corresponden ao municipio de balde a través do convenio asinado coa Xunta.


"O concelleiro mentiu para tapar o seu desleixo botándolle as culpas á lentitude de Seaga, pero a realidade é que Seaga non pode actuar en Cangas porque o Concello aínda non enviou o papel dicindo onde hai que limpar", sinala a lider popular, Dolores Hermelo. Para o PP, esta parálise demostra a "nula capacidade" do executivo de BNG e PSOE para xestionar a burocracia que esixe a lei, que obriga a dar 15 días aos propietarios para limpar e, no caso de titulares descoñecidos, publicar os requirimentos oficiais no BOE e no DOG.


Dende a formación lembran que esta "xestión fantasma" xa provocou un fracaso estrepitoso na anterior campaña, na que o Concello foi incapaz de facer chegar o 97% das notificacións por correo postal, tramitando unicamente 500 avisos por vía electrónica dun total de 14.500 propietarios. "Hoxe o perigo é aínda maior, porque seguimos sen saber cantos avisos cursaron neste 2026 e cantos veciños e veciñas seguen sen saber que teñen que limpar por culpa da parálise do actual goberno", cuestiona Hermelo. O PP cualifica de "hipocrisía" que o goberno reclame á veciñanza que asuma a súa responsabilidade mentres é incapaz de limpar as súas propias parcelas municipais ou de tramitar un sinxelo plan de actuacións.


A lei do bipartito
Ante os intentos do tripartito de presentar a xestión subsidiaria como unha carga política imposta pola Xunta do PP, dende o grupo maioritario da Corporación son tallantes: "A Lei de Incendios de 2007, que establece que a xestión da biomasa é obriga dos propietarios e de xeito subsidiario dos concellos, foi redactada e aprobada polo goberno autonómico de PSOE e BNG. Non poden facerse as vítimas nin queixarse dunhas obrigas que os seus propios partidos crearon".

O PP de Cangas esixe ao tripartito que asuma as súas competencias de forma inmediata antes de que sexa demasiado tarde, envíe o plan a Seaga sen máis demoras e dea explicacións urxentes no Pleno sobre o estado real da prevención na vila neste 2026.