OS NOVOS PAGAMENTOS A MAIORES A URBASER CONFIRMAN O «PUFO» DE 2 MILLÓNS DENUNCIADO EN MAIO
A Mancomunidade abonará outros 627.402 euros tras recoñecer custos de 1,6 millóns nun contrato caducado dende 2018. Un descontrol económico que o tripartito pretende tapar con novas cargas fiscais, despois de que Cangas pechase o exercicio 2025 sen pagar a súa achega de 184.000 euros.


“A veciñanza segue pagando caro a factura dunha década de nula xestión do servizo do lixo”. Así de contundentes se manifesta o Partido Popular de Cangas tras a liquidación de 627.402 euros aprobada na xunta de goberno da Mancomunidade a favor de Urbaser. Un feito que confirma documentalmente para os populares o «pufo» destapado pola propia formación o pasado mes de maio.
Tal e como reflictía a Memoria oficial da Conta Xeral de 2025 da Mancomunidade asinada pola Intervención, a concesionaria do servizo de lixo reclamou á entidade supramunicipal 1,58 millóns de euros por sobrecustos reais máis outros 433.000 euros en compensacións pola venda de subprodutos, acumulando unha factura extra superior aos dous millóns de euros.
A nova resolución adoptada polo ente mancomunado constata que o custo real mensual da recollida no Morrazo disparouse ata acadar entre os 243.000 e os 275.000 euros ao mes —moi lonxe dos 126.291 euros fixados inicialmente—, xerando un recoñecemento total de 1,6 millóns de euros entre abril e setembro de 2025. Unha vez descontados os pagos ordinarios a conta e os ingresos da reciclaxe, a Mancomunidade volve recorrer ás arcas públicas para transferir outros 627.402 euros a maiores, dos cales Cangas asume a maior parte por poboación e volume de residuos.
Confesión dun fracaso
Dende o PP lembran que esta sangría económica deriva directamente da incapacidade de xestión dos gobernos locais de BNG, PSOE e EU. O contrato de recollida de residuos asinouse en 2010 cun prazo de 8 anos e rematou formalmente en 2018. Tras anos de prórrogas e parches, a propia Memoria da Conta Xeral confesa que o servizo se atopa en «continuidade forzosa» por non terse licitado a tempo o novo prego de condicións, cualificando expresamente como «non alcanzado» o obxectivo de adxudicar o contrato decenal.
Esta parálise administrativa tivo ademais consecuencias contables directas: o informe de Intervención certifica que a Mancomunidade pechou 2025 cunha necesidade de financiamento de 126.151 euros, incumprindo o principio de estabilidade orzamentaria e forzando a elaboración dun Plan Económico-Financeiro (PEF).
Morosidade municipal e abandono
A formación salienta a contradición do goberno de Cangas encabezado por Araceli Gestido. O Estado de Execución de Ingresos de 2025 revela que o Concello de Cangas pechou o ano sen transferir a súa cota anual de 184.086 euros á Mancomunidade, asfixiando financeiramente á entidade xunto co impagamento de Bueu (97.608 euros).
«Resulta intolerable que mentres Cangas asume o maior peso financeiro deste burato millonario e o goberno local apoia novas ordenanzas e réximes sancionadores para esixir sacrificios á veciñanza, o servizo a pé de rúa sexa o peor das últimas décadas: colectores desbordados, malos cheiros e pragas de ratas e cascaudas en pleno centro urbano durante todo o verán», critican dende as filas populares. O Partido Popular esixe que o goberno local deixe de consentir compensacións continuas derivadas da súa propia desidia e defenda os intereses e o peto da veciñanza de Cangas.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
