PERDA DE NOVO FINANCIAMENTO CULTURAL POLA NEGLIXENCIA DO TRIPARTITO AO PRESENTAR UN PROXECTO AVALIADO COA PEOR PUNTUACIÓN

A perda de axudas millonarias por parte do goberno do BNG deixa a Cangas á cola de Galicia na captación de fondos. Mentres outros municipios melloran as súas instalacións, o executivo local xustifica con continuas escusas a renuncia a subvencións clave como o PERTE da Auga.

a man riding a skateboard down the side of a ramp
a man riding a skateboard down the side of a ramp

O Partido Popular de Cangas denunciou a perda dunha nova subvención autonómica destinada ao equipamento e mellora das instalacións culturais para melloras na Biblioteca Pública Municipal (BPM). A resolución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, publicada no Diario Oficial de Galicia, deixou fóra a proposta presentada polo goberno de BNG, PSOE e EU tras acadar unha das peores cualificacións de toda a comunidade, recibindo apenas 11 puntos.

O grupo maioritario da Corporación adverte de que este fracaso non é casual nin un feito illado, senón a consecuencia directa dunha forma de traballar baseada na improvisación, na falla de rigor na xestión e na presentación de iniciativas no límite dos prazos. Esta falta de dilixencia e traballo polo equipo de goberno contrasta cos resultados acadados por outros municipios que si fixeron os deberes e captaron fondos públicos para os seus centros socioculturais, auditorios e bibliotecas.

A perda desta liña de axudas enlaza directamente co colapso que reflicten as actas das Xuntas de Goberno Local e os continuos decretos de emerxencia aos que recorre a alcaldesa, a nacionalista Araceli Gestido. Nos últimos meses rexistráronse requirimentos constantes e emendas doutras administracións tras presentar proxectos con graves deficiencias ou partidas non subvencionables.

Esta desidia levou ao goberno local a ter que desistir de axudas xa solicitadas, a ter que corrixir ata en tres ocasións o cadro financeiro de obras millonarias como o Colexio Preescolar da Retirosa tras sucesivos avisos da Deputación de Pontevedra, ou a ter que reformular de urxencia o destino de fondos do Plan +Provincia tras ser rexeitada a memoria da iluminación escolar por non axustarse aos criterios da convocatoria.

Decenas de axudas perdidas

O principal grupo da oposición lembrou que o executivo municipal acumula ao longo do mandato a perda ou renuncia de decenas de subvencións públicas, deixando escapar recursos esenciais para mellorar as infraestruturas de Cangas. Entre elas salientan fondos de carácter millonario procedentes da Unión Europea, como os do PERTE da Auga, que financiaban ata o 100% dos investimentos nun concello cun grave problema estrutural de verteduras fecais e roturas na rede de saneamento.

Dende o PP censuran que o equipo de goberno tente xustificar a súa incapacidade con argumentos “peregrinos e contraditorios”. Mentres o concelleiro de Medio Ambiente alegou en sesión plenaria que non solicitaban determinadas liñas porque o Concello, cun orzamento de 20 millóns de euros, non podía asumir a súa parte de cofinanciamento, a propia alcaldesa chegou a manifestar publicamente que concorrer a determinadas convocatorias supón "un periplo burocrático para catro duros".

Para os populares, estas declaracións evidencian a falta de vontade e a renuncia explícita a traballar pola veciñanza: mentres os concellos da contorna captan investimentos grazas á súa planificación, o tripartito de Cangas permanece de brazos cruzados e xustifica a súa parálise culpando ás administracións que poñen os cartos sobre a mesa.