PP DENUNCIA QUE AS BALIZAS CONTINÚAN ABANDONADAS NAS PRAIAS E ESIXEN SABER QUEN ASUMIRÁ O COSTE DO MATERIAL DESTROZADO
Tras instalalas tarde e mal en pleno verán, ao goberno de BNG, PSOE e EU aínda lle está a custar máis retiralas en pleno outono. Unha mostra de incompetencia que se suma á opacidade do executivo local, que dous meses despois segue sen dar acceso ao expediente de contratación.


O Partido Popular de Cangas denuncia o absoluto desleixo e a incapacidade de xestión do goberno tripartito (BNG, PSOE e EU), que a mediados do mes de outubro continúa sen retirar o balizamento estival das praias do municipio. Dende a formación popular ironizan coa manifesta lentitude do executivo local: “se xa lles custou un mundo instalalas, facéndoo tarde e ben entrado o mes de xullo tras deixar deserta a licitación, agora parece que lles está a costar moito máis traballo quitalas cando a tempada de baño leva semanas rematada”.
A realidade sobre o terreo desmente de xeito categórico as escusas ofrecidas polo goberno nas redes sociais. Ante o balbordo e as queixas veciñais polo estado dos areais, o perfil oficial do Concello de Cangas xustificou hai uns días que as balizas non se recolleran por mor do último temporal. Porén, transcorridos os días tralo paso da fronte meteorolóxica, a situación permanece exactamente igual: os cabos seguen soltos, os mortos de formigón desprazados e as boias varadas, degradándose e xerando un impacto ambiental e paisaxístico evidente.
Dende o PP esixen saber con exactitude quen asumirá o sobrecusto e a factura pola perda e deterioración deste material. Os populares lembran que no último Pleno municipal aprobouse por unanimidade unha moción que vincula ao goberno local a cuantificar o material público extraviado ou roto e a intervir as facturas da empresa contratada antes de realizar ningún pagamento con fondos municipais. A formación popular advirte de que «a neglixencia de deixar semanas as boias á mercé dos golpes de mar ou á deriva non a poden pagar do seu peto os veciños de Cangas».
A esta chapuza sobre a area súmase a opacidade administrativa. O grupo maioritario da Corporación rexistrou xa o pasado 17 de agosto unha solicitude formal de acceso ao expediente de contratación do balizamento do ano 2026. Case dous meses despois, o executivo de Araceli Gestido segue sen responder nin facilitar a documentación requirida.
Para os populares, este silencio sistemático confirma o que xa se advertira: o tripartito fondeou as balizas en precario, empregando lastres insuficientes de valas de obra e prescindindo das preceptivas autorizacións da Demarcación de Costas, dos informes de Seguridade Marítima de Capitanía e do control de compatibilidade coas Estratexias Mariñas. Dende o PP esixen a retirada de todas as boias e lastres que continúan abandonados nos areais e demandan que a alcaldesa aclare canto vai custar este despropósito dende o inicio do verán ata hoxe.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
