PROLIFERACIÓN DE RATAS E CASCAUDAS NO CENTRO DA VILA ANTE A INACCIÓN DO TRIPARTITO

Malia as advertencias no Pleno de xullo sobre a necesidade de reforzar a limpeza e o control de pragas, o goberno de BNG, PSOE e EU permitiu colectores desbordados e sucidade nas rúas.

“A praga de ratas e cascudas é insostible”. Así de contundentes se manifestan no Partido Popular de Cangas ante a «grave situación de insalubridade» que sofre o casco urbano pola proliferación descontrolada de pragas de ratas e cascaudas en pleno centro da vila.

A formación sinala que nas últimas semanas, e de xeito moi especial durante as xornadas das Festas do Cristo, foron numerosos os veciños, comerciantes e hostaleiros que trasladaron a súa indignación a través de vídeos e mensaxes nas que se constata a presenza de roedores e insectos polas rúas máis concorridas.


Dende o grupo maioritario da Corporación lembran que esta situación non é froito da casualidade nin dun feito imprevisto. Xa no Pleno do pasado mes de xullo, o grupo municipal advertiu ao executivo de Araceli Gestido da necesidade urxente de poñer en marcha un plan de choque con reforzos nos servizos de limpeza viaria, baleirado de colectores e tratamentos específicos de desratización e desinsectación.

A realidade é que o tripartito de BNG, PSOE e EU non moveu un só dedo. A estampa habitual no centro da vila nas últimas semanas foi a de papeleiras colapsadas, colectores desbordados de residuos a calquera hora do día, malos cheiros e rúas sen baldeo nin hixiene. Esta falla de dilixencia municipal, unida ás altas temperaturas estivais, converteuse no caldo de cultivo perfecto para a expansión destas pragas a escasos metros de terrazas, comercios e vivendas.


Un problema de saúde pública
«O BNG e os seus socios de goberno deben deixar xa a súa pasividade e actuar. O control de pragas e a limpeza viaria non son un capricho, son servizos básicos esenciais que afectan de cheo á saúde pública e á seguridade de toda a veciñanza», advirten.

O Partido Popular reclama ao goberno municipal que deixe de mirar para outro lado e actúe de inmediato destinando todos os recursos técnicos e económicos necesarios para erradicar estes focos de insalubridade. Os populares reclaman un plan integral e continuado de desinfección en toda a rede de sumidoiros e espazos públicos para evitar que se repita a pasividade vivida hai uns meses en Vilariño, onde outra praga de ratas permaneceu semanas sen control pola lentitude do goberno local.