TRIPARTITO CONXELA AS AXUDAS AOS CLUBS DEPORTIVOS MALIA A RECADACIÓN RÉCORD E O ACORDO PLENARIO POR UNANIMIDADE
O goberno de BNG, PSOE e EU mantén conxelados 100.000 euros para as entidades locais, desatendendo o mandato plenario de acadar o 1% do orzamento. Unha falta de apoio ao tecido deportivo inxustificable nun tripartito que manexa máis de 20 millóns, mentres abandona ás directivas para que asuman en solitario o aumento disparado dos custos federativos, arbitraxes e desprazamentos.


O Partido Popular de Cangas denuncia o flagrante incumprimento por parte do goberno local de BNG, PSOE e EU do acordo plenario que obrigaba a incrementar de forma substancial as axudas económicas destinadas aos clubs deportivos do municipio. A pesares de que o Pleno corporativo de xaneiro aprobou por unanimidade unha moción popular que instaba a actualizar estas partidas e fixar como horizonte que o 1% do orzamento municipal fose destinado ao tecido deportivo local, o executivo da nacionalista Araceli Gestido decidiu conxelar os fondos, mantendo exactamente as mesmas contías insuficientes dos últimos anos.
Para a formación maioritaria da Corporación, esta decisión supón unha aldraxe directa ao esforzo diario de directivas, técnicos, deportistas e familias que sustentan o deporte base e federado en Cangas. A contía global de 100.000 euros —a repartir entre preto de 25 entidades locais— resulta manifestamente insuficiente ante a suba xeral dos custos de desprazamentos, mutualidades, arbitraxes, seguros e material de adestramento. Esta conxelación é aínda máis inxustificable nun momento no que o Concello presume dunha recadación histórica e dun orzamento que supera os 20 millóns de euros.
Dende o PP critican con dureza a hipocrisía política dun tripartito que maltrata sistematicamente ao tecido asociativo e acumula promesas incumpridas: “Votan a favor nos plenos para salvar a cara e despois deixan aos clubs totalmente abandonados. Só se acordan dos nosos deportistas para subirse ao carro da foto cando chegan as medallas e os éxitos nas competicións, pero á hora de apoialos na súa actividade diaria o compromiso é cero”.
Esta actitude resulta especialmente dolorosa cun deporte local que é referente fóra das nosas fronteiras, cun club de balonmán que compite na máxima categoría estatal paseando o nome de Cangas por toda España sen contar co respaldo institucional que merece.
Nave de Deportes Náuticos
O desleixo municipal co deporte ten o seu reflexo no abandono das instalacións, coma a Nave de Deportes Náuticos. O goberno de Gestido anunciou na primavera a bombo e prato que destinaría 100.000 euros dos remanentes á renovación integral da cuberta tras reunirse en Santiago con Portos de Galicia para solicitar a preceptiva autorización.
A realidade, meses despois, é que o tripartito non só borrou esta partida do expediente de remanentes levado ao Pleno de setembro, senón que nin sequera consta que teñan redactado o proxecto técnico. Mentres a chuvia segue entrando na instalación, estragando o material do Club de Remo Vila de Cangas e poñendo en risco a seguridade dos deportistas, o goberno local segue instalado na propaganda e nos titulares ficticios, demostrando unha incapacidade de xestión alarmante que prexudica directamente aos deportistas de Cangas.
Partido Popular de Cangas de Morrazo
Construíndo un Cangas da xente.
Navegación
Inicio
Coñécenos
Actualidade
Contacto
Afíliate
Sede Local
Avenida de Ourense, 16, Cangas
ppdecangas@gmail.com
Atención á veciñanza: Luns a Venres
© Partido Popular de Cangas -
O partido co que Galicia Goberna.
CANGAS CON ORGULLO
