VICTIMISMO DO TRIPARTITO COAS NAVES DE OJEA: «O EXPEDIENTE AVANZA GRAZAS Á TRANSFERENCIA DO LITORAL Á XUNTA TRAS ANOS DE SILENCIO CÓMPLICE CON MADRID»

A Xunta si tramitou a solicitude e requiriu documentación técnica ao Concello, cuxas emendas están a ser revisadas para someter o proxecto a información pública e informes sectoriais

O Partido Popular de Cangas desmentiu con rotundidade o relato de vitimismo e confrontación que o goberno tripartito de BNG, PSOE e EU volve trasladar aos medios de comunicación a respecto da concesión das naves de Ojea. Fronte ás acusacións de «silencio» lanzadas polo executivo de Araceli Gestido contra a administración autonómica, os populares confirman que a Dirección Xeral de Costas da Xunta de Galicia si tramitou a solicitude municipal, si requiriu formalmente a documentación que faltaba polo desleixo do goberno local e atópase neste momento revisando tecnicamente esas emendas para poder someter o proxecto a información pública e solicitar os correspondentes informes sectoriais.

Dende as filas populares chaman a atención sobre o cambio de actitude do goberno local: «Resulta rechamante, cando non cómico, ver o repentino interese e as présas do tripartito por este asunto agora que lle compete á Xunta de, do cal nos alegramos profundamente. Porén, durante anos mantiveron un silencio cómplice e submiso ante os reiterados atrancos e a parálise de Costas do Estado, onde goberna o PSOE co apoio do BNG en Madrid».


O PP subliña que foi precisamente a transferencia efectiva das competencias de xestión do Litoral á Xunta de Galicia —un fito acadado malia a oposición frontal do Goberno de Pedro Sánchez— a que permitiu rescatar este expediente do caixón do esquecemento e comezar a mover a tramitación con rigor técnico e administrativo.

Perigo de derrube, vallas perpetuas e chapuzas

Dende a formación lembran que mentres o executivo local se dedicaba a vender titulares de propaganda e proxectos sen ter a titularidade dos terreos, as naves de Ojea levan anos nun estado lamentable de degradación e en constante perigo de derrube. Unha situación de risco estrutural que no seu día obrigou a cortar o paso peonil na zona durante meses e que o goberno local «solucionou milagrosamente» desprazando as vallas de obra para abrir un corredor. «Hoxe esas vallas seguen aí chantadas, formando xa parte do noso mar de pedra e da paisaxe urbana da vila como monumento á súa incapacidade de xestión», denuncian os populares.


Para rematar coa opacidade e a manipulación política, o grupo maioritario da Corporación anunciou que solicitará por Rexistro municipal acceso íntegro a todo o expediente tramitado ata a data sobre as naves de Ojea.

«Queremos verificar con papeis e datas, que foi o que requiriu a Xunta, cales foron as deficiencias da proposta municipal e que fixo exactamente o tripartito todos estes anos. Xa está ben de escudarse en falsas queixas contra outras administracións cando a realidade é que o único impulso real a este espazo estratéxico para o futuro de Cangas comezou coa xestión autonómica do noso litoral», conclúen.